O PP esixe que se garanta a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida en todos os edificios municipais de Poio

Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP esixe que se garanta a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida en todos os edificios municipais de Poio

    • O grupo municipal popular pide eliminar as barreiras arquitectónicas nos locais de titularidade municipal, e lamenta a falta de concienciación dos sucesivos gobernos de Sobral coa inclusión e a mobilidade.
    • A concelleira Rocío Cochón denuncia o sucedido cun usuario de cadeira de rodas na cerimonia de graduación do IES de Poio celebrada no Centro Cultural Xaime Illa, que carece de rampla de acceso.
    • Subliña a existencia de barreiras noutros locais de titularidade municipal, como o Pazo de Besada ou a Biblioteca de Campelo, e piden “unha revisión xeral” para garantir os dereitos de todos e todas.

     

    09 de xuño de 2019. A voceira do PP de Poio na comisión municipal de Urbanismo, Rocío Cochón, solicitou este martes unha “revisión xeral” da accesibilidade nos edificios e locais de titularidade municipal, “para garantir os dereitos de todos e todas" e en particular para asegurar a liberdade de movementos dos usuarios de cadeiras de rodas e outros veciños con mobilidade reducida.

    Cochón denunciou o sucedido cun usuario de cadeira de rodas durante a cerimonia de graduación do IES de Poio celebrada o pasado venres no Centro Cultural Xaime Illa, que carece de rampla de acceso. A cadeira de rodas non puido superar a elevada beirarrúa e a persoa afectada tivo que retroceder bastantes metros desde a entrada principal pola estrada e por entre os coches aparcados, asumindo uns riscos e uns esforzos “difíciles de entender nun edificio público e a estas alturas".

    A concelleira popular aportou outros exemplos documentados, entre os que destacou o Pazo de Besada, con numerosas escaleiras en calquera dos seus accesos, ou un caso particularmente rechamante como a Biblioteca de Campelo, con dous accesos externos con escaleiras insalvables e outra barreira arquitectónica na porta, e que “ningún veciño debería ter que enfrontar para usar unha instalación municipal".

    Cochón resaltou ademais, que en todos estes casos, as barreiras nos edificios non son as únicas que enfrontan estes veciños, xa que tanto na contorna da Finca de Besada,  na ubicación da Biblioteca de Campelo e noutros lugares do municipio, os veciños con cadeira de rodas, con problemas de mobilidade, con carriños de bebé e outras necesidades teñen que superar beirarrúas en mal estado, obstáculos de todo tipo ou mesmo a ausencia de beirarrúas. Neste sentido, recordou as múltiples denuncias por esta situación nestes últimos anos, non só desde o Partido Popular, senón polos usuarios do centro de neuro-recuperación, veciños de San Salvador e outras parroquias, distintas asociacións e un largo etcétera.

    Cochón lamentou que, ante esta pregunta, os membros do goberno municipal en funcións se limitasen a dicir que “tomarán nota", e censurou a falta de concienciación dos sucesivos gobernos de Sobral coa inclusión e coa mobilidade. Por último, a edil popular esixiu a supresión das barreiras xa coñecidas nas zonas e nos locais de responsabilidade municipal e unha revisión xeral da accesibilidade por parte do concello.

Add comment


Security code
Refresh