Arbo, 5 de xullo de 2016. No Pleno Ordinario da Corporación municipal de Arbo, celebrado este luns, os membros da oposición, Agrupación Electores de Arbo, votaron en contra da proposta presentada polo PP na que se instaba á Deputación de Pontevedra a que recuperase o Plan de Acción Comunitaria para este ano 2016 e convocatorias sucesivas, e que concedese as axudas de forma directa ás asociacións.
A política desleal da Agrupación de Electores de Arbo, manifesta, unha vez máis, que antepoñen os seus intereses partidistas ao interese xeral da veciñanza, á que non dubidan en prexudicar sempre que pensen que poden obter rédito político.
Estas axudas, polas que os gobernos do Partido Popular apostaron durante anos, daban cabida a todos os proxectos de colectivos veciñais, culturais e deportivos que se beneficiaban de subvencións para obras que o Concello no pode atender por realizarse en bens que no son de titularidade municipal, pero de vital importancia para sustentar e impulsar as iniciativas das asociacións da provincia, que atopaban neste apoio a oportunidade de desenvolver iniciativas tan importantes e necesarias como a mellora de traídas de augas, regadíos, camiños ou a rehabilitación do patrimonio parroquial, que o actual goberno bipartito da Deputación de Pontevedra eliminou dun plumazo, eliminación que a Agrupación de Electores de Arbo apoia e subscribe.