Cambados, 28 de xuño de 2016.- O Partido Popular de Cambados esixiu hoxe a dimisión inmediata do concelleiro e voceiro cuatripartito, Xurxo Charlín. O presidente local do partido, Luis Aragunde, criticou que o representante de En Marea “abusou este domingo da súa condición de concelleiro” ao gravar a unha señora no momento da súa votación.
“Foi un arrebato de protagonismo aos que xa nos ten acostumados, pero neste caso pasouse moito dos límites, intimidándoa e facéndolles preguntas tanto a ela como á súa acompañante, atribuíndose competencias que non lle corresponden e ignorando a lei, para atreverse a xulgala e dicir que está incapacitada para votar”, denunciou o voceiro do PP.
O popular recorda que nese vídeo Xurxo Charlín está vulnerando un dereito fundamental das persoas, o dereito ao voto, que só pode ser anulado por sentenza xudicial firme, previa unha valoración médica pormenorizada. “Foi moi grave o que aconteceu, un incidente bochornoso e intolerable”, apunta Aragunde.
“Esta persoa pensa que está por riba de todo, do moral, do ético e do legal. O domingo demostrou o tipo de persoa que é. Esa prepotencia non ten límites, non ten respecto nin por nada nin por ninguén. Ridiculiza publicamente a unha señora maior, pon en dúbida as súas capacidades, e aínda ten o atrevemento de advertir á presidenta de que vai impugnar a mesa”, dixo o popular. “Algo gravísimo, dunha baixeza ética e moral inadmisibles e máis para alguén que ten competencias de goberno no Concello de Cambados”.
Ademais, Luis Aragunde entende que a situación é aínda máis grave porque “non contento con esta actuación, o concelleiro tamén difundiu por todas as redes sociais o vídeo, que hoxe é un dos máis vistos de toda España”.
“Estamos avergonzados con esta actitude”, manifestou Luis Aragunde, que comentou que hai persoas que están valorando emprender accións legais contra Xurxo Charlín, e tamén recoñeceu que o PP de Cambados o está estudando cos seus servizos xurídicos. Ademais, o popular tamén puxo a atención a que “quedou totalmente desautorizado pola súa propia formación política, porque saben polos seus servizos xurídicos da gravidade dos feitos, e que probablemente son constitutivos de delito”.
O voceiro popular tamén criticou que o domingo se ridiculizase a Cáritas de Cambados, “unha asociación de voluntarios que altruistamente cada día coidan con moito mimo aos maiores que residen no asilo”. Dixo que desde o PP están “moi orgullosos pola súa labor encomiable”, e recordou que “os axudan durante todo o ano, os acompañan e coidan diariamente, e se lles piden que os acompañen o día das eleccións a votar, van con eles, pero como calquera familiar ou amigo nos acompaña a votar a calquera de nós”.