O PP presenta a súa Ruta Social, para crear redes de colaboración e comunicación directa cos colectivos da provincia
O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Alfonso Rueda, reuniuse esta tarde en Cuntis con representantes das asociacións de Mulleres Rurais de Valga, Cuntis, Pontecesures, Catoira, Caldas, Moraña e Portas, co obxectivo de presentarlles a nova Ruta Social, unha axenda de reunións para os próximos tres meses coas que percorrerán toda a provincia, e coa que queren crear redes de colaboración e comunicación directa cos colectivos, asociacións e particulares que traballan no eido da igualdade e dos servizos sociais.
Alfonso Rueda salientou a labor desinteresada de todos estes colectivos, e destacou o seu gran esforzo, “que contribúe a mellorar a vida diaria das mulleres que naceron e decidiron por si mesmas vivir nun concello rural”.
O presidente dos populares incidiu tamén na importancia que teñen as persoas para o partido, motivo polo que apostou por crear unha área de traballo específica de Servizos Sociais e de Igualdade no seu equipo. Como coordinadora situou a Marián García, da que destacou a súa preparación do día a día e dos retos que atopará na súa labor.
A súa primeira iniciativa é esta Ruta Social, unha axenda que pretende dar voz a todos estes colectivos, tendo en conta que a provincia de Pontevedra é a máis activa desde o punto de vista asociativo, e dese xeito queren visibilizar, impulsar e apoiar o traballo das entidades que traballan cos colectivos máis vulnerables. Marián García subliñou que este novo reto debe ir da man das persoas que máis experiencia teñen, que son responsables, traballadores e usuarios das asociacións, e por ese motivo nas próximas semanas pretende percorrer toda a provincia.
Entre os obxectivos desta ruta destacan coñecer as organizacións de toda a provincia; intensificar os cauces de participación e colaboración coas diferentes entidades; buscar espazos de entendemento e de mediación; identificar as necesidades, proxectos e programas dos profesionais, usuarios e familiares a través de reunións e visitas; informar, asesorar e dar respostas ás necesidades das organizacións; e ser, en definitiva, un constante vehículo de comunicación onde o apoio e o bo entendemento sexa recíproco na consecución de un único fin, que é mellorar a calidade de vida das persoas que máis o necesitan.
Ademais de Alfonso Rueda e de Marián García, tamén asistiron á reunión o secretario xeral, Jose Manuel Cores Tourís, e a coordinadora de Organización, Luisa Piñeiro, así como a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o recentemente nomeado director xeral de Desenvolvemento Rural e coordinador de medio rural do partido, Miguel Pérez Dubois.