BOLETÍN PROVINCIAL

Compartir en Facebook

 

O PP denuncia que a eliminación do PAC deixa desatendidos a máis de 300 colectivos veciñais de toda a provincia

 

 

O grupo provincial do Partido Popular denuncia que o novo bipartito da Deputación de Pontevedra eliminou o Plan de Acción Comunitaria (PAC), deixando a máis de 300 colectivos veciñais de toda a provincia desatendidos. Os voceiros do PP, Nidia Arévalo e Ángel Moldes, criticaron esta mañá esta decisión, e recordaron que precisamente o que identificaba á institución provincial eran este tipo de iniciativas, e recordaron que en 2015 repartíronse un millón de euros entre preto de 300 colectivos de toda a provincia, que atoparon neste apoio a oportunidade de desenvolver outros tantos proxectos. Por ese motivo no próximo pleno provincial defenderán unha moción para que a Deputación de Pontevedra recupere o PAC, e que conceda as axudas de forma directa ás asociacións.

 

“Agora hai trescentas asociacións desatendidas, trescentos proxectos sen executarse e un millón de euros menos”, valorou Nidia Arévalo, que incidiu en que os proxectos que se executaban con cargo a esta liña de axudas eran de “vital importancia”, xa que se incluían investimentos para mellorar as traídas e depósitos de auga, os cemiterios, mellorar e equipar os locais veciñais, camiños veciñais, fontes e lavadoiros… Coa subvención pagábanse os materiais, mentres que a construción corría pola conta da propia asociación. Como exemplos concretos, Ángel Moldes valorou as actuacións tan básicas como unha varanda para un paseo marítimo, liderado polos propios veciños, melloras na accesibilidade dos locais, a reforma total do cemiterio de San Salvador, pero tamén explicou que en Ponte Caldelas todos os centros sociais contan con calefacción de pellets gracias a esta liña de axudas, ou que só en Cotobade son máis de 60 os colectivos que recibían o PAC.

 

“Deben de reflexionar, e esperamos que despois de facer esta rolda de prensa reaccionen, como xa o fixeron con outros temas”, insistiu Ángel Moldes, que acusou ao bipartito de estar enganando aos colectivos cando os remiten aos concellos. “Que os colectivos non se deixen enganar, porque as súas liñas de subvencións se eliminaron, e a día de hoxe non as teñen. Non as teñen nin os alcaldes nin os concellos, non saíron nos orzamentos e polo tanto non existen”, engadiu. Neste sentido, di que “os colectivos están descolocados,porque lles dicían que eran os alcaldes os que tiñan estes fondos e estanse dando conta de que pasan os días e estas axudas non chegan”.

 

Nesta mesma liña se pronuncio Nidia Arévalo, “o que buscan é que as persoas non veñan aquí e vaian a xunto dos alcaldes”, pero explicou que están enganando aos veciños porque no Plan Concellos están moi definidas as axudas, e non hai partidas nas que se poidan incluír nin investimentos que non sexan de titularidade municipal, nin actividades que non sexan de iniciativa municipal. “Os colectivos chegan á Deputación a preguntar polas axudas que recibían todos os anos e lles din que son os concellos os que teñen que resolver estes problemas”, critica.

 

REUNIÓNS COS COLECTIVOS

Os deputados populares anunciaron que están organizando reunións cos colectivos afectados nas diferentes comarcas provinciais, para explicarlles cal é a situación real do PAC. Deste xeito, mañá mércores e o xoves estarán nas comarcas do Baixo Miño e de Caldas.