Hermelo dinamita o relato do BNG no parlamento: «Vale xa de enganar co Hío e de boicotear a futura infraestructura sanitaria de Cangas»
Cangas (Pontevedra), 26 de xuño do 2026.
A voceira e deputada autonómica do Partido Popular de Cangas, Dolores Hermelo, desmontou este xoves coa máxima contundencia na Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia «o ruído, a confrontación e a demagoxia» do BNG, PSOE e EU respecto da situación sanitaria do municipio. Mentres o tripartito se instala na queixa permanente, a popular confrontou o seu relato con feitos, cifras e propostas realistas para mellorar a atención de toda a veciñanza.
Hermelo contrapuxo a parálise do Concello de Cangas co esforzo investidor da Xunta de Galicia, que nos orzamentos destina a cifra récord de 1.747 millóns de euros á atención primaria (máis do 31% do gasto sanitario total). Unha estratexia básica que permitiu construír 52 novos centros de saúde e reformar outros 138 en toda Galicia, cun investimento en equipamento de última xeración que supera os 90 millóns de euros nos últimos catro anos.
«Para destapar a incoherencia do Bloque, a deputada popular sacou a relucir o informe técnico oficial “Propuestas de transformación de la Atención Primaria en Galicia”, editado en 2009 baixo o goberno de Pérez Touriño e asinado por altos cargos e expertos. Este documento advertía de xeito explícito contra a ineficiencia e os riscos de seguridade clínica que supón espallar os recursos en pequenos consultorios locais (miniconsultorios) como o do Hío.
O texto técnico do propio goberno socialista e nacionalista daquela época sentenciaba que este tipo de centros illados carecen de capacidade resolutiva, saturan o sistema con demandas banais e agravan o desinterese profesional e o «burnout» dos médicos novos. Ademais, o informe estipulaba que a solución para o século XXI pasaba pola concentración de dispositivos asistenciais dotados de mellores recursos diagnósticos e pola introdución de filtros organizativos para evitar a medicalización de problemas menores; xusto o modelo que defende o PP e que o BNG boicotea hoxe en Cangas
A voceira popular explicou que o Centro de Saúde de Cangas incorporou nos últimos anos novos profesionais, o equipo de Hospitalización a Domicilio (SAD), servizos de nutrición e a categoría de centro docente MIR, á que se sumará axiña a formación EIR. «Este éxito de novos servizos xera un incremento de actividade e de persoal que require, de xeito inmediato, máis espazos», sinalou.
Por este motivo, a popular presentou unha iniciativa parlamentaria para que o Sergas impulse novas actuacións de adaptación no centro actual e no de Aldán, dando continuidade ás obras xa realizadas na zona de observación e no PAC. «Mellorar o centro actual non significa renunciar ao CIS; os pacientes non poden seguir agardando pola incompetencia do goberno local. Son obras que piden os propios profesionais sanitarios», aclarou Loli.
Oito anos de boicot
A deputada popular foi tallante ao sinalar por que Cangas non ten hoxe unha nova infraestructura sanitaria como si teñen outros concellos como Lalín ou Moaña. «Non a temos porque o goberno de nacionalistas e socialistas non quere que a Xunta invista 20 millóns de euros en Cangas, porque iso suporía un antes e un despois que desmontaría o seu discurso», acusou.
Hermelo lembrou que o tripartito rompeu un acordo plenario que permitía ceder unha parcela por 300.000 euros para meterse nunha modificación puntual complexa. «Para o terreo da infraestrutura sanitaria non hai cartos, pero para pagar 400.000 euros no rescate dun ciberataque pola súa nefasta xestión, para iso o goberno nacionalista si tivo fondos de inmediato», recriminou.
A verdade sobre o Hío: campaña e enganos
Para rematar, Dolores Hermelo esixiu ao BNG que «vaia á hemeroteca» e deixe de usar o consultorio do Hío para enganar á xente. Lembrou que esa parcela foi comprada por un goberno nacionalista sen pagar, deixando unha débeda de case 500.000 euros que —xunto a un puf municipal de 17 millóns— tivo que asumir o PP.
A popular aclarou que o consultorio non se abre por estrito criterio dos facultativos: «Os propios profesionais médicos din que non, que prefiren estar centralizados en Aldán para que, cando un saia, a xente estea cuberta por outro compañeiro». Acusou ao tripartito de «mentir a sabendas en campaña electoral prometendo unha apertura que non estaba nas súas mans» e lembrou as contradicións da alcaldesa de Moaña, a nacionalista Leticia Santos, quen «asinou que o PAC se ía para Cangas e, á semana seguinte, montou unha manifestación contra o que ela mesma asinara». «Nós non imos facer promesas irreais; seguiremos traballando ao lado dos profesionais e esixindo a infraestrutura única que Cangas merece», concluíu.