Gonzalo Durán: “Collemos un pobo triste e conseguimos convertelo en referencia, pero o importante é o futuro e o moito que queremos facer nos próximos 30 anos”

Domingo, 15 de xuño de 2025.-

“Collemos un pobo triste e abandonado e hoxe somos unha referencia. Impulsamos un cambio en Vilanova e indiscutiblemente conseguimos levalo a cabo nestes trinta anos, pero o máis importante é o futuro, porque o futuro é ilusión, e por iso xa estamos volcados no moito que queremos facer nos próximos trinta anos para que o noso concello sexa o sitio máis agradable para vivir”. Deste xeito, o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, resumiu a súa xestión e marcou os novos retos para o concello arousán tras ser reelixido como presidente do PP local.

Durán e a xunta directiva dos populares vilanoveses convocaron o 7º Congreso Local do partido para a xornada de hoxe co gallo do seu trinta aniversario ao fronte da Alcaldía co obxectivo “de mandar a dobre mensaxe de celebración e festa polo moito conseguido, pero tamén de que mantemos intacta a ambición, de que estamos moi vivos e de que queremos seguir traballando arreo por Vilanova”. Por elo, o alcalde renovou a confianza ao fronte da agrupación local por aclamación e unanimidade dos 300 militantes que ateigaron o auditorio Valle-Inclán.

O rexedor, que asegurou que a súa intención é “traballar trinta anos máis por Vilanova”, fixo un repaso á súa traxectoria e aos investimentos, infraestruturas e servizos que se puxeron en marcha, pero destacou sobre todos eles a pasarela que une a vila co Terrón, “xa que é un símbolo, posto que representa a unión e foi a orixe do noso rexurdimento turístico”. “Temos un proxecto lanzado a prol dos veciños, que crea traballo, co prioritario sector do mar como bandeira, e que ilusiona co seu futuro”, remachou.

Pola súa banda, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, tamén quixo enxalzar a Gonzalo Durán definíndoo como “un líder referente e con experiencia avalado polo seu partido e apoiado polos seus veciños de xeito maioritario” e animouno a “seguir mantendo o goberno forte e estable que os veciños e veciñas de Vilanova de Arousa merecen e necesitan”.

“É un dos nosos 157 alcaldes, que nos converten no partido con máis alcaldes de Galicia, a metade, dos que 27 son desta provincia de Pontevedra”, apuntou incidindo en que todos eles son garantes de “estabilidade e xestión, sen sobresaltos nin liortas” nos seus concellos e en contraposición a un PSOE e un BNG que “só demostran que os pactos de perdedores son pan para hoxe e fame para mañá”.

A número dous dos populares galegos aproveitou tamén para criticar o “espectáculo esperpéntico” que están a protagonizar ambos partidos recordando, dous anos despois das eleccións municipais, que “os candidatos aos que votaron todos aqueles veciños que elixiron a papeleta do PSOE están apoiando unha organización delictiva”. Nesta liña, asegurou que é “vergoñento” que Ana Pontón prefira “acusar á dereita de instrumentalizar á Xustiza antes que retirar o seu apoio a Pedro Sánchez”.

“Vilanova e Gonzalo, non se entende un sen o outro”

Así mesmo, o presidente provincial do PP, Luis López, abordou a simbiose do alcalde co seu concello, sinalando que “semella complicado lembrar Vilanova sen Gonzalo, porque non se entende un sen o outro, pero creo que aínda é máis difícil imaxinar que o futuro deste municipio non pase polas mans deste gran alcalde”.

O tamén presidente da Deputación, que lembrou que era un concello sumido na irrelevancia ata mediados da década dos noventa, salientou o “liderado rotundo, incuestionable e exitoso” de Gonzalo Durán, do que destacou tamén a súa capacidade para facer un gran equipo, ter un proxecto definido e un nivel de traballo e atención aos veciños sen límites.

“Mentres a uns se lles fai moi longa unha lexislatura que non leva nin dous anos encharcados nos seus casos de presunta corrupción, a Gonzalo fixéronselle curtos estes trinta anos, aínda que, neste tempo, converteu a Vilanova nun dos mellores concellos da provincia, pero el xa está pensando en 2030 ou 2040 apoiado no orgullo e no cambio de mentalidade que trouxo a este concello”, indicou.

Finalmente, tamén salientou a aposta da Deputación por Vilanova, con fortes investimentos en todas as áreas, e remarcou especialmente as axudas ás asociacións veciñais e comunidades de augas impulsadas polo deputado provincial e tenente de alcalde, Javier Tourís, “que correxíu a eiva do anterior bipartito PSOE-BNG, con cero euros en axudas para os colectivos, e que vai seguir inxectando fondos para as súas actividades e locais sociais ata alcanzar os 8 millóns de euros e beneficiar a 800 entidades”.