Fole: “O PP non quere impoñer os festivos senón que é Tino Cordal o que quere impoñer o Entroido, pero os cambadeses non queren un festivo en febreiro”
Cambados, 21 de agosto de 2026
“O PP non quere impoñer os festivos de 2027 e está disposto a consensualos e proba diso é que nos reunimos con eles que, tal e como están gobernando, era para nin sentarse a nada porque son un goberno pésimo para Cambados, así que o que está mentindo é Tino Cordal, que si que quere impoñer o Entroido caia quen caia, pero repítolle que os cambadeses non queren un festivo en febreiro”, manifestou a voceira municipal, Sabela Fole, no marco da polémica sobre as datas locais non laborables do vindeiro ano.
Así, a concelleira popular recalcou que están dispostos a falar de datas cos demais grupos, pero non aceptarán unha contra os desexos da veciñanza. Neste senso, engadíu que o PP propón e acepta o Luns de Pascua, malia non ser unha das súas datas preferidas, “porque moitos veciños nos dixeron que pode ser útil pola conciliación e porque estira un día máis a Semana Santa facendo unha ponte máis longa”.
A edil reiterou que o fondo desta cuestión radica en que Tino Cordal quere seguir fixando o Entroido “na súa intención de ir eliminando os festivos relixiosos, que non é que nós os defendamos polas nosas cuestións persoais, que non lle interesan a ninguén, senón porque forman parte da tradición de Cambados que Somos quere eliminar porque non encaixa na súa ideoloxía”.
Sabela Fole tamén lle replicou ao voceiro do partido independente que a opinión dos diferentes partidos non ten a mesma importancia e considerou que a do PP debe ter máis peso que a de Somos, “posto que temos unha representatividade tres veces e media maior -3.400 votos fronte a 1.000-, que é algo que cremos que Cordal respecta profundamente porque sempre di que el é moi demócrata”. Ademais, calificou de curiosa a oferta do tripartito de que o goberno elixa unha data e outra lle corresponda á oposición “porque parece non darse conta de que a oposición ten a maioría absoluta do pleno e, se acordásemos os festivos do próximo ano, poderíamos elixir os dous sen eles, así que creo que estamos sendo xenerosos abrindo este proceso de negociación polo ben dos veciños”.
Finalmente, a voceira do PP lamentou esa crítica velada que fixo contra a xente que profesa a relixión católica nas súas manifestacións con aseveracións irónicas sobre os mandamentos ou a confesión e pediulle moito máis respecto cara calquera persoa polas súas conviccións persoais e de fe.