Fole: “É certo que os Orzamentos 2026 son históricos, porque son os máis altos pero os peores da democracia, xa que o cuatripartito vai tirar 11 millóns de euros ao lixo”
Cambados, 18 de xuño de 2026
A voceira municipal do PP de Cambados, Sabela Fole, anunciou hoxe o rexeitamento do seu grupo municipal ao proxecto de Orzamentos 2026 que se debaterá no pleno extraordinario de maña, xa que considera que son decepcionantes por non atender ningunha das necesidades dos veciños nin recoller os proxectos estratéxicos do concello: “É certo que, como din desde o goberno, son uns orzamentos históricos, porque son os máis altos pero sen dúbida os peores da democracia, xa que o cuatripartito vai tirar máis de 11 millóns de euros ao lixo”.
A concelleira popular indicou que votará en contra deste documento económico “por responsabilidade”, xa que sería moito mellor que non saíse aprobado e se seguise funcionando coas contas prorrogadas de 2024, posto que “aínda que esas son moi malas, e só hai que ver ao deterioro ao que levaron a este municipio, estas son bastante peores e parecen orientadas a darlle a puntiña ao Concello”.
Así, a edil do PP deixou claro que o seu partido “non pode ser cómplices duns orzamentos que apostan exclusivamente pola precariedade, os recurtes e un maior esmorecemento para Cambados”. Neste senso, lembrou que, dada a absoluta incapacidade na xestión económica de Samuel Lago, a multiplicación dos gastos superfluos por catro para contentar a todos os socios e as pinceladas que foi adiantando o alcalde durante estes meses, o PP xa tiña practicamente decidido o seu voto en contra deste proxecto económico, “pero tras analizar a proposta que van presentar a verdade é que estamos asustados porque é moito peor do que imaxinábamos, é unha desfeita e un esperpento”.
Sabela Fole lamentou, en primeiro lugar, que os gastos de persoal se disparen ata un elevadísimo 43% do total dos orzamentos cando a práctica totalidade dos concellos da provincia se sitúan entre o 30% e como moito o 40% e criticou que malia esta partida tan alta “iso non o evita o pésimo funcionamento de todos os departamentos, especialmente no caso de Servizos Sociais, Urbanismo, Obras ou Contratacións”.
Ademais, tamén indicou que esta partida de persoal e a de gastos correntes, que básicamente é para pagar os servizos básicos, roldan o 94%, unha cifra que tamén calificou de desorbitada “posto que non deixa ningunha marxe de manobra para facer nada e que basicamente deixan as contas para ir subsistindo moi malamente”.
Finalmente, a voceira municipal tamén calificou de “inadmisible” a partida de investimentos con fondos propios, á que só se adican uns pírricos e totalmente insuficientes 116.250 euros, “que loxicamente non serven para nada, que son ridículos en comparación con todos os concellos do Salnés e que confirman que estas contas non son as que precisan os veciños”.