Fole: “Cambados ten que acoller a capitanía da Garda Civil indiscutiblemente, pero precisamos o novo cuartel, polo que o Goberno de España ten que ser claro”

Cambados, 18 de xaneiro de 2025.-
A voceira municipal do PP de Cambados, Sabela Fole, defendeu hoxe que o Concello ten que acoller “indiscutiblemente” a capitanía da Garda Civil para a comarca do Salnés, pero advertíu de que, para elo, se precisa o novo cuartel, paralizado desde hai meses por problemas de cimentación e outras cuestións non desveladas, polo que lle esixíu ao Goberno de España, como responsable da obra, que sexa claro con esta actuación e a súa imprescindible reanudación.
A concelleira popular calificou de “impresentable” que o subdelegado do Goberno, Abel Losada, sosteña que a paralización da obra é difícil de explicar e se quede nese argumento sen informar dos prazos, o investimento e o plan que ten o executivo central para retomar os traballos de construción “que foron paralizados por unha clara neglixencia do Goberno central e ante o que noso alcalde cala sen defender os intereses de Cambados”.
“Podemos entender perfectamente que unha obra teña problemas, como neste caso, que xurdan dificultades co terreo, cos prezos, coa meteoroloxía e con moitas circunstancias, porque é algo que lle pasa a todas as administracións públicas e nós somos comprensivos e construtivos. Pero o que non entendemos é que a situación quede así, totalmente abandonada malia ser moi importantes para Cambados, e que os seus responsables queden de brazos cruzados e non nos expliquen cal é o seu plan. Realmente nos tememos que os problemas que hai co terreo son moi importantes e a súa solución suporía un gran incremento do orzamento que o Goberno de España non está disposto a asumir para o noso concello”, significou a edil do PP.
Ante esta situación, Sabela Fole urxíu ao Goberno de España a adoptar unha solución, para o cal tamén reclama medidas de presión por parte do cuatripartito local, xa que advertíu que, de non reanudarse o cuartel e existir un compromiso decidido con esta nova construción, “periga claramente o establecemento da capitanía en Cambados, que é algo que defenderemos con unllas e dentes desde o PP local, pero vemos como, ante este problemón, outros territorios, como é o caso de Vailagarcía, xa se están posicionando para acollela”.
Finalmente, esixíulle ao alcalde, Samuel Lago, que “faga os seus deberes e asuma o papel de rexedor” neste caso, algo que, a xuízo do PP, non está a facer para non molestar aos seus xefes e compañeiros do PSOE en Madrid. “Hai congreso do PSdeG en marzo e é posible que o presidente Pedro Sánchez, que practicamente nunca ven a Galicia, se achegue por alí, así que, de persistir esta situación co cuartel, ao mellor temos que facer un ‘Samuel Lago’ e presentarnos na porta a ver se nos recibe e escoita para que se retomen as obras porque estamos ante un asunto do máximo interese para a nosa vila”, ironizou a voceira popular.