Fole augura “outro ano perdido” para os grandes proxectos de Cambados por falta de fondos e de xestión malia o “optimismo máxico” do alcalde
Cambados, 17 de xaneiro de 2026.-
A voceira municipal do PP de Cambados, Sabela Fole, augurou que o presente 2026 será “outro ano perdido” para o desenvolvemento e execución dos grandes proxectos e infraestruturas estratéxicas pola falta de fondos e a nula capacidade de xestión do cuatripartito malia o “optimismo máxico” do alcalde, Samuel Lago.
“Nestas últimas semanas o rexedor misturou a carta aos Reis Magos cos propósitos de Aninovo e púxose a anunciar que estamos ante o ano definitivo para as grandes actuacións que precisa Cambados, como se este 2026 fose a pasar algo distinto que nos once anos anteriores que levan gobernando con este multipartito. Pero á hora da realidade ese optimismo cos pés de barro sempre choca coa realidade porque o alcalde cre que as cousas saen por arte de maxia, pero ao final todo acaba sendo sempre unha triste ilusión”, lamentou a concelleira popular, que recalcou que a mala situación do Concello, principalmente no ámbito económico, apunta a “un ano de moi pouca esperanza para o pobo de Cambados”.
Así, a edil do PP calificou de “falta de respecto” aos veciños os anuncios realizados por Samuel Lago sobre os supostos avances que experimentarán este ano a reforma da Praza de Abastos, a urbanización da rúa da Pacheca, a cesión de terreos de Costas no Pombal e de Portos na Calzada, a recuperación da quenda de noite da Policía Local, a reforma da Casa do Mar ou o paralizado novo Cuartel da Garda Civil, entre outros.
“Se non hai cartos nin para tapar os milleiros de baches das rúas e das pistas do rural e aos coches municipais váiselle botando a gasolina de 20 en 20 euros, xa que aínda que liquidaron a débeda anterior segue sen haber diñeiro para encherlles o depósito, e os catro partidos teñen máis diferenzas que acordos sobre os grandes proxectos, non vemos que neste ano vaian sacar adiante o que non foron capaces nos exercicios anteriores e que levan totalmente paralizados os once anos deste multipartito”, apostillou.
Fole, que indicou que este ano haberá que conformarse coa rehabilitación do Pazo de Torrado e só porque a Deputación achega os 700.000 euros para o seu financiamento así como coas moitas obras que está a facer a Xunta, tamén se referíu á intención do goberno de optar a unha residencia pública autonómica, pero considera que a xestión vai totalmente errada: “Se o alcalde se deixara de preocupar das notas de prensa que mandan outros concellos e se puxera a facer os deberes que caen de caixón, como conseguir os terreos que non temos, a cuestión iría mellor, pero é que realmente el só quere usar este tema como ferramenta electoral. Estou convencida de que, como na anterior convocatoria da Xunta, haberá concellos do PSOE aos que se concederá a residencia, pero dame que Cambados, polo camiño que vai, non será un deles”.
“Todo o mundo en Cambados sabe que todo seguirá atrancado un ano máis porque coa Praza nin saben que facer nin teñen cartos, carecen de forza e de peso político para esixirlle ao Goberno de España que reanude o Cuartel e a Casa do Mar, a súa capacidade de xestión con Costas e Portos é nula, o desenvolvemento do urbanismo para a Pacheca e outras contornas é inexistente e bastante teñen se son capaces de sacar adiante as obras que lles paga a Deputación, como o campo de Burgáns ou o pavillón do Pombal, tras os fiascos e contratacións fallidas do pasado ano”, concluíu a voceira popular.