Fole: “A cada problema, o cuatripartito sempre ten resposta contra a oposición, pero nunca ten unha solución a prol dos cambadeses”

Cambados, 11 de decembro de 2025.-

“A cada problema que aparece en Cambados, que cada día son máis porque case nada funciona, o cuatripartito sempre ten resposta contra a oposición, que a iso se que adica o seu tempo, pero nunca, nunca ten unha solución a prol dos cambadeses”. Deste xeito, a voceira municipal do PP, Sabela Fole, valorou a situación da Concellería de Deportes a raíz da derradeira polémica deste departamento polas trabas e vetos no acceso ás instalacións deportivas para os adestramentos individuais de algúns deportistas e a defensa da súa xestión por parte da concelleira Noelia Gómez.

“Para responderlle ao PP e para disimular o mal que funciona o Concello sempre teñen tempo para unha nota de prensa, polo que creo que habería que revisar o acordo de goberno con José Ramón Abal sobre a imposibilidade de que houbera un gabinete de prensa, porque máis ben semella que hai catro, un por cada partido político”, ironizou a concelleira.

Polo demais, a edil do PP calificou de “surrealista” que Gómez “saque peito” do funcionamento da Concellería de Deportes “cando practicamente nada funciona nesta área e as queixas de clubes e deportistas son constantes e continuas”. Neste senso, lembrou que, ás novas dificultades para acceder ás instalacións, hai que engadir o reparto arbitrario das axudas aos clubes para favorecer ao seu que tivo que ser rectificado, os investimentos que nunca chegan por absoluta ineficacia no campo de fútbol de Burgáns ou no pavillón do Pombal “mentres caen a cachos”, o mal estado xeral das instalacións deportivas ou o conflito co Xuven do pasado ano cando lle impediron empregar o pavillón para un acto propio co obxectivo de forzalos a acudir á Gala do Deporte, entre outros.

“Clubes e deportistas síntense desatendidos, os recintos están mal e non os dan arranxado ben porque perden axudas ben porque non saben nin licitalos e no reparto das subvencións municipais hai que estar atentos porque o tufo do favoritismo de Noelia Gómez sempre está presente, así que máis que presumir, o que debía facer é pedir perdón e poñerse a traballar”, sinalou Fole, que tildou de “irónico” que a concelleira acuse ao PP de enlamar as subvencións “cando diso xa encargou tristemente ela soa sen axuda de ninguén”.

Ademais, tamén lamentou a súa ousadía por apuntarse os méritos das distintas probas deportivas que se celebraron nos últimos tempos en Cambados, “xa que a meirande parte delas foron xestionadas e conseguidas polos propios clubes”.

Finalmente, Fole abordou a xustificación da edil sobre os cambios de pechaduras e as novas regras de acceso ás instalacións deportivas que dificultan o seu uso e que, segundo Gómez, débense á aparición de roubos nos últimos tempos. A voceira popular responsabilizou desta situación de incremento da inseguridade nos últimos anos á ineficacia do propio cuatripartito “pola precariedade na que ten sumida á Policía Local e o incumprido compromiso de recuperar a quenda de noite”.