Fernando Pérez consegue a ampliación de prazas de comedor escolar no CPI Alfonso VII e Educación garante o servizo a todos os alumnos solicitantes para o curso 2026/2027

Caldas de Reis, 22 de agosto de 2026

O voceiro municipal do PP de Caldas de Reis, Fernando Pérez, vén de conseguir a ampliación de prazas de comedor escolar no CPI Plurilingüe Alfonso VII tras unha semana de intensas negociacións coa Consellería de Educación, que deste xeito garante o servizo a todos os alumnos solicitantes para o curso académico 2026/2027 que arrancará a comezos de setembro.

O concelleiro popular indicou que xurdíu un problema sobrevido de espazo e quendas no comedor escolar deste colexio caldense ao dispararse as peticións, que roldan as 190 e que desbordaban as 160 prazas habilitadas que foran máis que suficientes ata a data.

Ante esta situación, e malia a intención do alcalde, Jacobo Pérez, e do tenente de alcalde, Manuel Fariña, de iniciar un calendario de mobilizacións sen nin sequera dirixirse á Xunta pola súa demostrada incapacidade de negociación, a dirección do centro e a Asociación de Nais e Pais de Alumnos (Anpa) encargoulle esta mesma semana a Fernando Pérez, no marco dunha reunión cos distintos grupos, a xestión dunha solución coa consellería.

Deste xeito, Fernando Pérez mantivo un encontro co delegado territorial da Xunta, Pablo Fernández, e mantivo diversos contactos telefónicos co conselleiro Román Rodríguez para artellar alternativas que permitisen superar a falta de espazo e de persoal e hoxe mesmo foille trasladado, por parte da consellería, que se fará un reaxuste das quendas para dar cobertura a todo o alumnado.

“Hoxe é un día no que a política éncheme de satisfacción porque conseguimos algo moi bo para Caldas e para a conciliación das nosas familias. E ademais facelo desde a oposición, malia que loxicamente non debería ser o noso papel, enorgulléceme aínda máis, pero sempre dixen que todo o que poida facer por Caldas e polos meus veciños será unha auténtica honra”, manifestou o voceiro popular, que concretou que a notificación desta medida será remitida o luns ao colexio e agradeceu a “enorme confianza” que recibíu da dirección e da Anpa.

Finalmente, Fernando Pérez tamén quixo agradecer a “sensibilidade e compromiso” do conselleiro e do delegado territorial coa educación pública de Caldas malia ser un problema sobrevido e inesperado e confrontou esta actitude co obstruccionismo e a belixerancia do bipartito local. “A Xunta investíu millóns de euros en todos os centros de Caldas e está atenta a todas as nosas necesidades e, fronte a isto, o alcalde e Manuel Fariña xa avogaban por mobilizacións antes de esgotar todas as vías malia que iso non lle ía solucionar o problema aos alumnos e ás súas familias. Levan armando líos durante todo o mandato, xa que séntense máis cómodos na belixerancia que na xestión e supoño que é porque están practicando para cando, dentro de nove meses, pasen máis que merecidamente á oposición”, concluíu.