Fernando Pérez adianta que o actual proxecto da Variante Oeste está “morto” pola presión veciñal e garante que o PP seguirá loitando ata que a súa paralización sexa oficial

Caldas de Reis, 3 de decembro de 2025

O voceiro municipal do PP de Caldas de Reis, Fernando Pérez, adiantou que o actual proxecto da Variante Oeste da vila e Acceso do Porto de Vilagarcía á AP-9, baseado no estudo informativo impulsado polo Ministerio de Transportes, está “totalmente morto” grazas á presión veciñal e o enorme traballo das plataformas e das parroquias de Godos, Santa María, Arcos, Bemil e Saiar, aínda que anunciou que o seu partido vai seguir loitando e apoiando aos caldenses nesta “xusta demanda” ata que a súa paralización por parte do Goberno de España sexa oficial.

O concelleiro popular revelou que os obxectivos que o PSOE pretendía coa reactivación deste proxecto “tan necesario para desconxestionar o tráfico do centro da nosa vila” saíron totalmente ao revés do que agardaban precisamente pola “férrea, xusta e razoable” oposición dos veciños, aos que lles quixo agradecer enormemente o seu traballo, compromiso e implicación na defensa do municipio. “Creo que os caldenses deron un exemplo a toda Galicia da súa forza, do seu orgullo e do seu sentidiño para evitar que un proxecto pintado nun despacho de Madrid rebentara e fendera o noso territorio”, manifestou o edil.

En canto ás citadas intencións dos socialistas con este estudo informativo, Fernando Pérez revelou que a idea de Transportes de acordo con cargos do PSOE pasaba por axilizar este expediente “pero non para acometer a obra, como estamos a sospeitar nos últimos días por informacións que recibimos, porque ademais o Goberno de España non mete 80 millóns en Galicia nin de broma, senón para tentar salvar a Alcaldía de Caldas despois de librar por un pelo en 2023 e ante a febleza do rexedor, que querían que parecera a persoa que desbloqueou o proxecto, pero a estratexia, moi triste, volvéuselles en contra porque presentaron un estudo informativo inadmisible e terrorífico para o noso concello”.

Neste senso, o voceiro popular lembrou que o alcalde e o goberno socialistas mantiveron “unha política escurantista e obstruccionista” cando arrancou este proceso alá polo mes de agosto e incluso se ausentaron de reunións veciñais e expresaron o seu malestar pola oposición dos veciños a este trazado. “Só cambiaron de opinión e de postura cando viron que estaban no lado equivocado da historia e cando o seu plan de reforzamento víuse abaixo, pero creo que demostraron que non son de fiar para defender á veciñanza”, apostillou.

Finalmente, Fernando Pérez anunciou que o PP vai demandar de novo a cancelación inmediata e oficial deste estudo informativo “nefasto que fende o territorio e tumba casas e negocios” e que se proceda de inmediato coa redacción dun novo trazado, posto que a Variante Oeste é imprescindible para o futuro de Caldas, en base ao acordado por unanimidade no pleno municipal no ano 2008 e que non se engada, en ningún caso, o acceso á autoestrada para o porto vilagarcían, “xa que é o foco do problema”.