Elena Estévez alerta do deterioro de todos os servizos públicos municipais polo recurte na contratación temporal de persoal e o desvío de fondos provinciais a praias e vías

Bueu, 17 de marzo de 2026.-

A voceira municipal do PP de Bueu, Elena Estévez, vén de alertar do deterioro de todos os servizos públicos do Concello nos próximos meses pola decisión do goberno de Félix Juncal de recurtar a contratación temporal de persoal, que se fai todos os anos co diñeiro do Plan +Provincia da Deputación, e desviar todos estes fondos a praias e vías.

Para a concelleira popular, o funcionamento do Concello vai sufrir eivas e deficiencias nos próximos meses, xa que vaise quedar sen un total de 13 traballadores, que foi a cifra de contratados do pasado exercicio, e iso suporá unha clara merma dos distintos departamentos e servizos. “Este persoal, que grazas á achega da Deputación reforzaba a atención aos veciños durante seis meses, fai un traballo fundamental, posto que con eles consíguese poñer ao día o funcionamento do Concello tras os retrasos do inverno e ademais adícase a cuestións que son máis específicas dos meses de bo tempo, polo que está claro que imos notar que este ano quedamos sen eles por un recurte que entendemos que non ten moito sentido”, detallou a edil do PP.

Elena Estévez considera que o executivo nacionalista optou pola “solución fácil”, que é renunciar a estas contratacións temporais para tapar o burato que hai en materia de praias e vías e cre que esta situación revela ben ás claras que hai un grave problema de xestión e falta diñeiro para que o Concello funcione como debe e para que os buenenses estean ben atendidos pola súa administración.

A voceira municipal lembrou que o pasado ano esta achega da Deputación permitíu contrata a dous albaneis, un carpinteiro, dous electricistas, un fontaneiro, catro peóns para desbroces, dous operarios de limpeza e un administrativo, polo que se preguntou como se vai acometer todo o traballo que facían en materia de reparacións, pistas, mantemento de equipamentos, estado das rúas, alumeado, saneamento e abastecemento ou xestións municipais.

Así mesmo, a edil lembrou que o PP leva anos insistindo na necesidade de reforzar a limpeza de praias e de pistas, “que están totalmente abandonadas, ofrecendo unha mala imaxe ou deficiencias en materia de seguridade viaria, e que agora son admitidas polo propio BNG co cambio de partidas porque chegaron a un punto no que a súa xestión demostrouse totalmente ineficiente”.

“Esta medida, que ademais parece impropia do que di defender a esquerda pola privatización da limpeza de pistas, faise a costa de quedarse en persoal de reforzo, o que demostra que o Concello non funciona ben e está moi mal xestionado, xa que tiña que haber cartos para as praias e para as vías sen renunciar a incorporar a estes traballadores, porque ademais este desvío de fondos e estes recurtes non pasan en ningún outro concello da provincia”, concluíu Estévez.