Davila advirte da “absoluta inutilidade” para Salceda do novo achegamento MS-PSOE pola falta de Orzamentos, Plan Xeral, investimentos propios e mellora do casco urbano

Martes, 30 de xaneiro de 2025.-

O voceiro municipal do PP de Salceda de Caselas, Santi Davila, vén de advertir da “absoluta inutilidade e ineficacia” para os veciños do novo achegamento entre o partido do goberno, Movemento Salceda (MS), e o PSOE pola falta de garantías para a aprobación dos Orzamentos Municipais, o estancamento do Plan Xeral, a absoluta ausencia de investimentos propios e os nulos avances na mellora do casco urbano.

O concelleiro popular lamentou deste xeito as “reiteradas falsidades e novas ventas de fume” do goberno local co seu recente anuncio dun pacto cos socialistas para aprobación das contas, “algo que, como todo o mundo sabe, non é verdade nin suficiente, xa que dependen de alomenos a abstención do BNG, partido ao que ignoran e cuxa complicidade coa parálise da vila dan por feita”.

Así mesmo, o edil do PP tamén sinalou que a cacarexada posta en marcha e aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) é “unha falta de respecto aos veciños, xa que aínda que a redacción se contratara mañá mesmo, cousa que non facer en todo caso, polos prazos é imposible que saia adiante antes de 2027, polo que estamos ante outro mandato perdido”.

Paralelamente, Davila lamentou a absoluta inexistencia de proxectos de transformación, principalmente no casco urbano, “que en vez de mellorar empeora cada vez que fan algo” e lembrou que as forzas de esquerda levan case vinte anos gobernando coas Normas Subsidarias, fundamentais para o desenvolvemento da vila, malia criticalas durante tras a súa aprobación polo anterior goberno do PP. “Seguen cunha normativa á que se opuxeron, imaxinamos que por postureo, porque é coa que seguen actuando, supoñemos que pola súa absoluta incapacidade para aprobar un PXOM, pero a verdade é que non deben ser tan malas, xa que se senten moi cómodos con elas, malia que o problema é a súa falta de visión e de tacto para mellorar o casco urbano”, apostillou.

O voceiro municipal tamén criticou a nula realización de investimentos e proxectos con fondos propios, “xa que Salceda está a ser salvada exclusivamente polas obras pagadas pola Xunta, como o IES Pedras Rubias como principal actuación, ou pola Deputación sen que invistan un só euro das arcas municipais nunha competencia primordial súa como o mantemento de pistas”.

Finalmente, Davila apuntou que o PERI xa foi aprobado hai dous mandatos, no período 2011-2015, polo que non entende que se fale de avances cando todo segue estancado e engadíu, como exemplo da parálise absoluta do Concello, que as asociacións culturais, deportivas ou veciñais están a percibir exactamente a mesma asignación desde hai quince anos “como se a elas non lles influira a forte inflación dos últimos tempos no custe das súas actividades e funcionamento”.