Comunicado:
Ubicación do voceiro
Matías Cañón
nos plenos
da corporación
Sábado, 10 de maio de 2025.-
O grupo municipal do PP da Illa de Arousa quere manifestar a súa postura oficial ante a decisión do alcalde, Luis Arosa, de cambiar a ubicación do noso voceiro, Matías Cañón, nos plenos da corporación co único obxectivo de separalo dos demais edís populares para situalo a carón dos concelleiros do BNG.
1.-Matías Cañón é, a todos os efectos, o voceiro municipal do PP da Illa de Arousa e o líder da formación, unha cuestión que se formalizou hai un ano coa reintegración acordada co PP Provincial a proposta do PP da Illa e que se fixo pública ante toda a cidadanía, e que tamén se pode comprobar nas notas de prensa, redes sociais e na propia representatividade do PP que ostenta o citado concelleiro, que ademais sempre votou e defendeu os mesmos argumentos e criterios que os demais edís do PP.
2.-Efectivamente Matías Cañón figura oficialmente como concelleiro non adscrito, que foi como tomou posesión no comezo do mandato, pero este formalismo non responde, como todo o mundo sabe, á realidade. O fondo desta situación radica exclusivamente en que a modificación dos grupos municipais –agás a saída voluntaria e a designación como non adscrito– é un proceso administrativo e burocrático bastante complexo. É dicir, non chega con que Matías Cañón presente un escrito solicitando o cambio de grupo municipal, xa que neste caso entra en xogo unha normativa complexa e as súas posibles repercusións, por poñer un exemplo, no caso de mocións de censura ao abeiro da Lei Antitransfuguismo. Este é, realmente, o único motivo polo que non se emprendeu esta farragosa tramitación.
3.-Polo tanto, e dado que tanto PSOE como BNG da Illa son coñecedores desta situación, a intención do alcalde, Luis Arosa, obrigado polo Bloque, de cambiar a Matías Cañón de bancada para que non estea cos seus compañeiros do PP só obedece a un intento desesperado de tentar confundir aos veciños, de satisfacer a habitual política de xenreira do Bloque e de acosar, discriminar e castigar a Matías Cañón simplemente por ter gañado as pasadas eleccións municipais –e polo temor a que volva suceder en 2027 e perdan o goberno local– e por defender incansablemente e día tras día aos veciños fronte as desfeitas perpetradas polo bipartito (suba de impostos, venda abusiva do contrato da auga, irregularidades coa Policía Local, restriccións de tráfico, falta de investimentos…).
4.-O PP da Illa de Arousa considera que esta decisión do alcalde é arbitraria e inexplicable, tal e como demostrou balbuceando no pleno cando se lle preguntou, e non se entende cando xa van dous anos de mandato municipal. Por elo, os populares consideramos que Luis Arosa está a incurrir nunha pataleta infantil impropia dun alcalde e pedímoslle que rectifique e deixe que cada un dos representantes públicos do pleno estea perfectamente identificado segundo a súa afinidade e actuación política, polo que Matías Cañón debe sentarse cos seus compañeiros do PP.
5.-O alcalde incumpríu a normativa sobre a ubicación dos representantes no salón de plenos, xa que é certo que el ten que tomar a decisión, pero debe facelo despois de ter escoitados aos voceiros, e non chamou nin a Matías Cañón nin a Miguel Paz para elo, e tamén ten que situar aos edís favorecendo a visibilidade e o reconto dos votos, que é algo que non vai suceder, como se amosou en toda a lexislatura, emprazando a Matías Cañón xunto aos edís do BNG.
6.-O PP da Illa de Arousa vaise reservar a adopción das medidas que considere oportunas para a defensa dos seus dereitos e os do seu voceiro, Matías Cañón, pero agarda que non sexa necesario chegar a tanto e que o alcalde, Luis Arosa, se aveña a razóns e atenda ao sentido común para dar marcha atrás na súa decisión de trasladar ao citado concelleiro.
7.-Finalmente, o PP da Illa de Arousa lamenta fondamente que o rexedor e os grupos socialista e nacionalista estean tan implicados e traballando tanto nesta cuestión que non lle importa a nin un só veciño do noso concello e non adiquen o seu tempo en conseguir investimentos, mellorar os servizos públicos e atender axeitadamente aos veciños, que é algo que consideramos urxente tras dous anos nefastos de mandato caracterizados exclusivamente por crear problemas de toda índole e empeorar a calidade da vida dos illeños.
8.-Por elo, aínda que vaiamos a defender os nosos dereitos, desde o PP da Illa de Arousa imos seguir centrados no que importa, que pasa por escoitar, entender e atender os veciños todos os días e a todas horas para defender os seus intereses e necesidades e por fortalecer a nosa alternativa política para conseguir un imprescindible e urxente cambio de goberno na Illa no ano 2027.