Comunicado: recuperación das urxencias

Sábado, 30 de maio de 2026

A agrupación local e o grupo municipal do PP de Moaña queren manifestar, ante a próxima apertura do novo centro de saúde de Sisalde e a recuperación da atención sanitaria urxente durante as 24 horas do día, o seguinte:

1.-Queremos valorar positivamente a nova infraestrutura sanitaria coa que imos contar, a partires do 15 de xuño, os veciños de Moaña, posto que se trata dun centro de saúde de máximo nivel, moderno e cuns equipamentos de vangarda, que vai permitir que os magníficos profesionais dos que dispoñemos poidan realizar aínda un mellor traballo, se cabe, no coidado da nosa saúde e que ademais terá aumento de servizos, como a atención en fisioterapia tamén polas tardes.

2.-Tamén consideramos unha boa nova para Moaña que o noso concello recupere a atención sanitaria urxente durante as 24 horas do día e os 7 días da semana, para o cal dispoñeremos de enfermería e médico dedicado exclusivamente a atender as urxencias de tres da tarde a dez da noite e a ambulancia de soporte vital avanzado que atenderá as urxencias dende as dez da noite ata a mañá e as fins de semana completas, todo isto nun contexto de falta de médicos a nivel de todo o Estado pola mala xestión nesta materia do Goberno de España.

3.-Desde o PP de Moaña deixamos claro que nunca nos cansaremos de esixir e defender, como sempre facemos, todas as melloras posibles para os nosos veciños en absolutamente todos os ámbitos e, especialmente, no sanitario. Seguimos traballando para mellorar a asistencia urxente e sanitaria para nosos veciños a partires da apertura do novo centro de saúde, que marca o comezo dunha nova etapa. E neste senso, queremos lembrar que o feito de que o novo centro de saúde abra con servicio de urxencias as 24 horas é o que trasmitimos sempre,  empezando polo noso voceiro, dende o PP de Moaña.

4.-Queremos destacar e poñer en valor que, fronte a discursos populistas e electoralistas, desde o PP de Moaña levamos moito tempo traballando, con prudencia, discreción e firmeza a prol dos intereses do noso concello, para a recuperación da atención sanitaria urxente, unha atención que seguirá mellorando nestas novas instalacións, seguiremos traballando por iso con seriedade e responsabilidade.

5.-Queremos lamentar totalmente a actitude da alcaldesa, Leticia Santos, en primeiro lugar menosprezando á sanidade pública do noso concello negando que teñamos un Punto de Atención Continuada (PAC) e, en segunda instancia, rexeitando a recuperación da atención sanitaria urxente en Moaña durante as 24 horas do día, xa que queremos lembrarlle que iso era, exactamente, o que pedía nas manifestacións do BNG durante estes seis anos.

6.-Queremos denunciar que a alcaldesa está tentando cambiar, infructuosamente, o relato, posto que é perfectamente consciente de, desde o 15 de xuño, cun centro de saúde de vangarda e cunha atención as 24 horas do día acabáselle o conto e o foco comezará a estar posto nos moitísimos problemas sen atender que ten Moaña tras tres anos de mandato absolutamente nefastos. Todos os veciños e veciñas de Moaña sabíamos que, fixera o que fixera a Xunta, á alcaldesa non lle ía valer, posto que derrúbaselle por completo a súa entre pírrica e inexistente acción de goberno.

7.-Desde o PP de Moaña tamén consideramos que Leticia Santos é a maior inimiga da sanidade pública no noso concello, posto que parece que é a única que realmente non quere recuperar a atención de urxencias pola súa preferencia electoralista fronte aos intereses dos veciños e tamén porque o clima de confrontación, só por intereses partidistas, provoca o rexeitamento de moitos profesionais a cubrir ou coller prazas en Moaña, optando por localidades onde poidan desenvolver o seu traballo con maior tranquilidade. Polo tanto, polo ben dos veciños, pedímoslle que cese no seu hostigamento e que recoñeza o enorme salto de calidade que imos dar desde o 15 de xuño co centro de saúde de Sisalde.

8.-Finalmente, queremos dirixirnos aos veciños de Moaña para agradecerlles a súa comprensión, respecto e tamén esixencia durante todos estes anos, para trasladarlles que agardamos que as novas instalacións médicas os atendan como se merecen –aínda que estamos seguros diso– e para lembrarlles que seguimos traballando, polo que ante calquera demanda ou necesidade que teñan, as portas do PP de Moaña sempre están abertas para escoitalos, atendelos e entendelos con tranquilidade, sen estridencias, sen sectarismo, sen ruído e co único ánimo construtivo de poder sempre achegarlles unha solución.