Comunicado: Falsas acusacións do tenente de alcalde contra o PP polo Kalidas Fest

O grupo municipal do PP de Caldas de Reis, ante as falsas acusacións vertidas polo tenente de alcalde, Manuel Fariña, sobre o posicionamento do noso partido en torno á celebración do Kalidas Fest, quere manifestar as seguintes puntualizacións:

1.-O PP de Caldas de Reis en ningún momento se posicionou publicamente nin realizou ningunha manifestación nin impulsou ningunha iniciativa política e social contra a celebración deste festival, polo que queremos pedirlle ao tenente de alcalde, tras mentir sobre a nosa postura, que rectifique e emita as correspondentes desculpas.

2.-A nosa formación apoia decididamente a organización e celebración de eventos de calquera índole e formato no noso concello, posto que entendemos que as actividades son positivas para sacar aos caldenses á rúa e atraer xente doutros concellos, posto que teñen un retorno socioeconómico moi importante para o comercio, a hostalería e outros negocios. Cremos que as mesmas deben facerse coa debida planificación para non interferir nin no día a día dos veciños nin noutras actividades que se celebren no noso municipio.

3.-Desde o PP de Caldas tamén queremos salientar que os actos relixiosos de Semana Santa teñen unha importancia capital no noso municipio froito dunha longa tradición e da participación nos mesmos de milleiros de caldenses, que sufren a cotío os constantes ataques por parte do tenente de alcalde, que xa amosou a súa animadversión polo sentimento relixioso da maioría da cidadanía e que sempre tenta eliminar as efemérides desta índole, como xa sucedeu co San Roque e dos que hai moitos tristes exemplos.

4.-As manifestacións de Manuel Fariña, ademais de falaces contra o PP de Caldas, amosan á súa incapacidade para ocupar a tenencia de alcaldía polo seu carácter sectario e por non representar, como debería facer polo seu cargo, a toda a cidadanía, posto que nas mesmas critica aos caldenses que son relixiosos, que son do PP ou que critican as súas decisións. Así mesmo, nos preguntamos en que se basea para dicir que os veciños que presentaron sinaturas contra o citado festival pertencen ou son militantes do Partido Popular, porque, polo que sabemos, non ten acceso ao noso rexistro de membros, que está protexido, como o de calquera formación política, pola Lei de Protección de Datos e a privacidade á que ten dereito calquera cidadán na súa afiliación política.

5.-O PP de Caldas quere lamentar que o tenente de alcalde nacionalista recurra á mentira máis burda para tentar dividir á poboación, cando pola responsabilidade do seu cargo debería actuar en sentido contrario, e sementar lixo sobre os posicionamentos políticos do noso partido, polo que non lle imos consentir que falta á verdade sobre os mesmos. As posicións oficiais do Partido Popular de Caldas serán emitidas, exclusivamente, polos nosos representantes políticos.

6.-Finalmente, o PP de Caldas considera que esta actitude do tenente de alcalde, que non é a primeira vez que se produce, débese principalmente ao medo e temor que ten, ante as malas perspectivas electorais do BNG e das forzas políticas que conforman o goberno de Caldas nas eleccións do próximo ano, a perder o seu cargo e os máis de 52.000 euros anuais que cobra, ao noso xuízo esaxeradamente, das arcas municipais.