Comunicado contra a suba da taxa do lixo no Morrazo
15 de outubro de 2025
1.-O PP do Morrazo quere manifestar o seu apoio á manifestación de milleiros de veciños da nosa comarca celebrada o pasado luns co gallo da Asamblea Xeral da Mancomunidade, na que o BNG e o PSOE aprobaron unha suba esaxerada da taxa de recollida de lixo, xa que entendemos que se desenvolveu principalmente de xeito pacífico e por canles democráticos de protesta, polo que lamentamos os intentos do Bloque de tratar de criminalizar de xeito xeralizado esta concentración e as xustas reivindicacións da veciñanza.
2.-O PP do Morrazo quere condenar sen paliativos, como facemos sempre, os episodios puntuais de violencia que se produciron ao remate desta manifestación, xa que cremos firmemente no debate sereo e a confrontación de ideas sosegada e a convivencia de toda a sociedade en harmonía e concordia por riba das diferenzas de opinión de cada quen.
3.-Tamén queremos condenar e criticar a violencia verbal, os insultos e as ameazas proferidos polos alcaldes/as do BNG contra os veciños e contra outros representantes políticos simplemente por expresar opinións contrarias á súa decisión política de subir a taxa de recollida do lixo cun xeito inasumible para gran parte da cidadanía. Todos os veciños contemplamos os termos nos que se expresou a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e os enfrontamentos e faltas de respecto que preferíu aos asistentes á asamblea; as provocacións da rexedora de Cangas, Araceli Gestido, e a súa actitude ditatorial de vetar o acceso ao salón de plenos; e ademais, temos que engadir a isto, as chamadas ameazantes e insultantes da contorna do alcalde de Bueu, Félix Juncal, a representantes do PP na noite do luns que consideramos totalmente inadmisibles e polas que tamén agardamos desculpas públicas.
4.-Cremos que na comarca do Morrazo nos coñecemos todos e a veciñanza sabe, sobradamente, que os representantes do Partido Popular somos xente totalmente pacífica, que defende sempre aos cidadáns cos nosos erros e cos acertos e que, en ningún caso, alentou ningunha violencia contra ninguén. Iso si, estamos a carón dos veciños e das súas xustas reivindicacións en torno á taxa de recollida do lixo e o BNG non nos vai calar coas súas falsas acusacións, que é o que está tentando ante a practicamente unánime contestación social contra esta suba que foi acordada por eles unilateralmente. Aínda que non lles guste, imos seguir defendendo aos veciños para garantir que as familias poidan chegar a final de mes e os negocios poidan subsistir e imos facelo ata o final dentro das canles democráticas polas que sempre actúa o PP.
5.-Ante as acusacións insostibles de que organizamos estes episodios de violencia que se produciron ao final da concentración, preguntámonos se o BNG e os seus tres alcaldes consideran que os veciños do Morrazo son tontos, manipulables e violentos.
6.-En todo este asunto, o PP do Morrazo considera que o BNG está tratando de aproveitar uns actos illados, que reiteramos que condenamos enerxicamente, para tratar de desviar a atención e correr unha cortina de fume despois de comprobar que a inmensa maioría da veciñanza está en contra desta suba terrible da taxa do lixo e de que perderon totalmente o apoio da rúa.
7.-Finalmente, o PP do Morrazo quere criticar totalmente a postura do BNG contra a manifestación e reacción dos veciños contra esta medida fiscal, xa que, precisamente o Bloque é promotor constante de concentracións, protestas e reivindicacións e avoga, falsamente, pola defensa da democracia e da participación cidadá, e dicimos falsamente porque consideramos que é un partido autoritario e ditatorial. De feito, é tan autoritario e ditatorial que, ironicamente, as protestas xa non lle gustan cando van dirixidas contra eles e contra as súas nefastas políticas e xestión.