Cati Somoza pon a disposición o seu traballo para que a Deputación financie a reforma da rúa A con 500.000 euros do Plan Extra tras ser rexeitada por Carmela Silva en 2018

Rodeiro, 5 de novembro de 2025.-

A voceira municipal do PP de Rodeiro, Cati Somoza, anunciou hoxe a posta a disposición do seu traballo, o seu apoio e a súa capacidade de xestión para que a Deputación de Pontevedra financie o proxecto de reurbanización da rúa A da localidade, no treito entre o Centro Cultural Manuel Lamazares e o cruce coa estrada PO-533 en dirección a Chantada, que é o que o bipartito vai presentar á segunda edición do Plan Extra, segundo se desprende do acordo no sei da xunta de goberno local.

A concelleira popular agarda que o novo goberno provincial do PP “teña unha maior sensibilidade e compromiso” con Rodeiro para financiar esta actuación urbana despois de que o executivo presidido por Carmela Silva rexeitase a proposta formulada polo entón goberno local de Luis López no ano 2018 ao abeiro do Plan Deporemse cun orzamento de 374.000 euros.

“O PSOE nunca apostou por Rodeiro a todos os niveis e aí están os tristes feitos porque a anterior Deputación resistíuse a pagarnos máis de 300.000 euros da reforma da Praza de Oseira que houbo que reclamar e gañar na xustiza e desbotou a reforma da rúa A que agora recuperan desde o goberno local. Pero agora temos máis sorte, porque a Deputación está presidida por un cambote de pro e temos total confianza en que, grazas a Luis López, desta vai”, significou a edil do PP, que tamén garantíu o seu “máximo traballo e esforzo” para que a mellora da rúa A sexa unha realidade.

En canto a proxecto de reurbanización, cifrado en 588.000 euros dos que se aspira a medio millón de euros co novo Plan Extra, Cati Somoza lamentou a “absoluta falta de ideas e de proxecto” para Rodeiro do bipartito PSOE-UxR, xa que revelou que novamente se adica a rescatar as actuacións propostas e deseñadas polos anteriores gobernos do PP ou recollidas nos programas electorais da fomación.

Así, lembrou que na primeira edición do Plan Extra concorreu co remate do Centro Polivalente de Uso Asistencial, que dotará a Rodeiro dun centro de estancia diurna e un Punto de Atención Infantil, malia que negouno en moitas ocasión dicindo que debía ser acometido pola Xunta “ata que caeron da burra”. E agora novamente volven a acudir aos proxectos do PP para a reforma da rúa entre o centro cultural e o Hostal As Carpinteiras. “En todo caso aplaudimos que tente poñer en marcha as nosas iniciativas, aínda que lle custe moito e sexa arrastrando os pés pola súa notoria falta de xestión e de traballo, e tamén valoramos moi positivamente que admita, cos seus feitos, que o PP ten o mellor plan, proxecto e equipo para Rodeiro”, concluíu Somoza.