Cati Somoza afirma que Rodeiro volve quedar en mans de Luis López e da Deputación despois de que o bipartito dilapidara os 1,6 millóns de remanente e careza de Orzamentos

Rodeiro, 22 de novembro de 2025

A voceira municipal do PP de Rodeiro, Cati Somoza, afirmou hoxe, tras confirmarse a deriva económica do municipio no pleno extraordinario celebrado onte, que o Concello volve quedar en mans de Luis López e da Deputación de Pontevedra despois de que o bipartito dilapidara por completo os 1,6 millóns de euros de remanente que herdou dos gobernos locais do PP e que careza duns Orzamentos Municipais actualizados por terceira ano consecutivo.

“Onte no pleno os dous alcaldes presentaron a súa dimisión de facto, xa que Camiñas optou por agocharse ante a culminación de trinta meses de absoluta desfeita económica e Lamazares asumíu o protagonismo para demostrar a completa incapacidade dun goberno local que xa nos situou, e tardaron menos que o nefasto bipartito anterior, no abismo económico”, manifestou a concelleira popular, que cre que esta renuncia a dirixir o Concello tras gastarse todos os cartos “sitúanos na tesitura de que Lugués, desde a Deputación e co seu compromiso con Rodeiro, sexa o que siga a rescatar á veciñanza nunha situación moi difícil”.

A edil do PP concretou que a dilapidación de todo o remanente “deixa ao Concello sen diñeiro”, polo que non poderá cofinanciar as moitas liñas e ordes de axudas que esixen de coparticipación municipal e tamén coloca nunha posición moi difícil o proxecto do Centro Polivalente de Uso Asistencial, xa que a Deputación concedeu 500.000 euros pero aínda restan outros 660.000 para executar a derradeira fase.

“Agora nos explicamos porque non queren asumir as súas competencias no mantemento do colexio ou no SAF, porque teñen case todas as pistas abandonadas e porque queren que Deputación colla todas as estradas, algo que, por lei, non pode facer malia que dispoñen dunha oferta de permuta privilexiada. Os motivos reais  desta dimisión de facto radica en que non saben gobernar e que non teñen un euro, o cal dificulta todo moito máis cando se une á incapacidade e fortes discrepancias do bipartito”, sinalou.

Deste xeito, Cati Somoza arremeteu contra os “gastos disparados en non sabemos qué”, xa que nin fixeron actuacións de calado nin melloraron servizos nestes “trinta meses negros”, aínda que apuntou que posiblemente este despilfarro derive de “gastos irregulares e ilegais que foron revelados polo Departamento de Secretaría-Intervención e cuxo pago aprobaron onte no pleno ou as axudas económicas que conceden a asociacións de fóra do noso concello e que discriminan e maltratan aos colectivos de Rodeiro”.

Finalmente, a voceira apostillou que, ademais, a ausencia de Orzamentos Municipais durante os anos 2023, 2024 e 2025 malia que eran considerados unha prioridade polo bipartito “lastra o futuro e impide a realización de investimentos propios” e iso que o Concelo dobrou os ingresos do Imposto de Bens Inmobles (IBI) cun incremento de 205.000 euros anuais polo “sablazo” permitido polo goberno local para recatalogar milleiros de propiedades rústicas como urbanas.