Carrero acusa ao BNG de “retorcer a realidade” do padrón da Guarda para agochar que cos gobernos de esquerda perdéronse 468 veciños nunha década
A Guarda, 6 de febreiro de 2026-
O alcalde da Guarda e presidente do PP local, Roberto Carrero, vén de acusar ao grupo municipal do BNG de “retorcer a realidade” do padrón municipal co único obxectivo de agochar que os 16 anos de gobernos de esquerda (2007-2023) –dos que o BNG formou parte ou apoiou directamente– e as súas políticas foron os principais causantes do retroceso do censo, xa que se perderon 468 veciños nunha soa década.
“Pretender responsabilizar ao actual goberno dunha baixada poboacional por caer do listón dos 10.000 habitantes é mentir e rirse directamente dos veciños. En primeiro lugar porque todo o mundo sabe que o fío dos 10.000 habitantes é unha cuestión estrutural do noso concello, que perdeu este listón en ata sete ocasións (anos 96, 98, 99, 01, 19, 21 e 23) nos últimos trinta anos con gobernos de todas as cores políticas e, en segundo lugar, porque culpar a este executivo, que só leva trinta meses, da herdanza de 16 anos de esquerdas é de caradura político”, manifestou o rexedor.
Roberto Carrero explicou que o Concello está tratando de reverter a mala dinámica e a paralización á que estaba sometida A Guarda froito dos gobernos PSOE-BNG dos catro mandatos anteriores, “pero loxicamente non é algo que se faga dun día para outro como entenden todos os veciños”, aínda que destacou que, máis alá da baixada do censo en 2025 –similar a dun concello do BNG como Tomiño– ata 9.970 persoas, xa houbo algúns brotes verdes coa suba do primeiro ano do seu goberno, “na que o padrón pasou dos 9.998 habitantes que nos deixou o anterior executivo a 10.041”.
“Hai bos indicios para que A Guarda recupere a puxanza de antano e consolide o listón dos 10.000, pero non se pode negar que a fixación desta importante cifra é complexa e pode sufrir altibaixos, pero temos datos que apuntan que imos na boa dirección”, detallou o alcalde, que destacou o incremento da poboación estranxeira de 532 a 700 nos últimos tres anos, o peso da mocidade co 30% do padrón, rexovecemento da demografía cun 70% de veciños menores de 55 anos ou o dinamismo comercial e económico que se percibe no incremento de licenzas para obras e negocios.
“Levamos dous anos e medio traballando para construír unha Guarda cunha economía forte e un turismo desestacionalizado co obxectivo de facer atractiva a nosa vila para fixar poboación. Os anteriores gobernos de esquerdas, durante 16 anos, non conseguiron sacar adiante propostas ou medidas para asentar o padrón, mentres que agora, malia a caída xeral de nacementos de toda España, a poboación estranxeira elixe a nosa vila para establecerse, polo que pediríalle a Anxo Baz que se poña a traballar en positivo pola Guarda e deixe de enlear”, concluíu o alcalde.