Carolina Otero: “Se Cacabelos se autoesixise a si mesmo a décima parte do que lle reclama ás administracións do PP, o tema da auga estaría arranxado hai moito tempo”

O Grove, 18 de de abril de 2026

A voceira municipal do PP do Grove, Carolina Otero, valorou moi positivamente o traballo da Mancomunidade do Salnés e o distinto apoio que están a amosar tanto a Xunta como a Deputación para a consecución dunha solución definitiva para garantir a subministración de auga ao municipio malia que se trata dunha actuación complexa desde o punto de vista técnico e loxístico, pero censurou o posicionamento do alcalde meco sobre este asunto nos últimos tempos como se non fora da súa responsabilidade. “Se José Antonio Cacabelos se autoesixise a si mesmo a décima parte do que lle reclama ás administracións do PP, o tema da auga estaría arranxando hai moito tempo e teríamos o Concello como unha patena e non co deterioro que levamos sufrindo todo este mandato”.

A concelleira lembrou que o abastecemento de auga é unha competencia exclusivamente municipal, aínda que parte da mesma este transferida á Mancomunidade do Salnés e que o concello, polas súas peculiaridades xeográficas, teña dependencia do resto do territorio, pero apostillou que se a agrupación comarcal non lle serve, como alcalde pode recuperar toda a súa responsabilidade, xa que é soberano para facelo.

Pero é que ademais, e con independencia de que as administracións do PP están traballando arreo para solucionar este asunto, a edil popular lamentou que o rexedor se limite a “pedir, pero nunca a colaborar”, xa que desbotou no seu día a oferta da Xunta dun cofinanciamento da tubaría ao 33% malia cobrarlle regularmente as taxas de abastecemento aos veciños. “Se no seu día aceptara, xa teríamos a obra feita e a subministración garantida e non teríamos que andar rezando cada verán”, apostillou.

Ademais, tamén acusou ao alcalde de “mala fe” na obra da tubaría, posto que durante moito tempo reclamaba a obra, pero non tiña nin xestionados nin conseguidos os preceptivos permisos por parte da Dirección General de Costas, que son imprescindibles ao ser os terreos de Dominio Público Marítimo-Terrestre, e tampouco foi quen de sacar adiante a obra cando houbo un goberno amigo do PSOE na Mancomunidade durante cinco anos. “Cando o seu partido dirixía a agrupación comarcal estaba moi mansiño, nunha proba máis de que realmente sempre lle importou máis a política de confrontación que leva dez anos como estratexia política para manterse no seu cargo que os servizos básicos dos veciños do Grove”, afeoulle a voceira popular.

Finalmente, Carolina Otero tamén reclamoulle ao alcalde que cumpra “os seus propios deberes” en materia de abastecemento, xa que el mesmo admitíu no pleno do pasado mes de xaneiro que é necesario modernizar a rede de tubarías, que se atopa moi deteriorada, e ampliar os depósitos, principalmente o de Cons da Garda. “Falou de que se van precisar entre 8 e 10 millóns de euros para abastecemento e saneamento, así que desde o PP insistímoslle en que se poña a traballar coa mesma esixencia que lle pide aos demais porque parece que o da auga non vai con el é ten competencias e responsabilidades”, concluíu.