Cañón: “Se o alcalde non é capaz de xestionar os investimentos coa Xunta que deixe de protestar e se bote a un lado para que o fagamos os que gañamos as eleccións”
Sábado, 30 de maio de 2026 .-
O voceiro municipal do PP da Illa de Arousa, Matías Cañón, replicou as queixas do alcalde, Luis Arosa, sobre a falta de noticias, polo momento, sobre as solicitudes de investimentos para o Concello por parte da Xunta recalcando que, a maior responsabilidade desta situación xurde do propio rexedor e do goberno bipartito: “Se o alcalde non é capaz de xestionar e conseguir os investimentos coa Xunta que deixe de protestar, que iso non serve para traer os cartos, e se bote a un lado para que o fagamos os que gañamos as eleccións, que seguro que somos quen de negociar moito mellor ca el”.
O concelleiro popular lembroulle a Luis Arosa que para conseguir fondos doutras administracións para obras “hai que insistir, defender a súa utilidade, reclamar polo ben dos veciños e presentar bos proxectos, non poñerse a patalear” porque lembrou que hai un orzamento limitado na Xunta e en calquera outra administración e existe moita competencia entre todos os concellos. Polo tanto, lamentou que o alcalde opte por renderse cando apenas transcurriron seis meses desde que lle cursou as súas peticións ao presidente Alfonso Rueda.
En todo caso, o edil do PP considera que estas queixas “esaxeradas” do representante socialista pola falta de tempo entre o encontro e a chegada dos investimentos “responden máis ben a un intento de estratexia de tentar facerse a vítima e buscar réditos electorais que á propia realidade”, pero lamentou a súa actitude apocada e de protesta, xa que advertíu que, coa mesma, os investimentos non van chegar á Illa. “A receita é fácil e pasa por traballo, traballo e máis traballo, pero é moito máis cómodo, aínda que iso prexudique aos veciños, poñer a laiarse. En todo caso, reiteramos que se non se ve capaz de conseguir a mellora do colexio, o arranxo do paseo do Cantiño ou a construción de vivenda nos ofrecémonos a sacalos adiante desde o goberno local, que o merecemos desde que gañamos moi claramente as eleccións”, aseverou.
Finalmente, Matías Cañón quixo exemplificar o compromiso da Xunta con todos os concellos do Salnés enumerando potentes investimentos en municipios socialistas como as millonarias EDAR e centro de saúde de Vilagarcía, a rede de saneamento e a depuradora de Cambados ou, máis recentemento, a reforma da Avenida Luis A.Mestre e o desdobramento da autovía do Grove. “Está confirmadísimo que non hai discriminación, e coa Illa tampouco, o que fai falta é ter capacidade e traballar polos veciños e iso é algo do que adoece o noso bipartito”, concluíu o voceiro.