Cañón: “As restriccións de tráfico non están funcionando como di o alcalde, só están botando aos veciños do pobo, porque por agora non hai turistas na Illa”
Sábado, 5 de xuño de 2025 .-
O voceiro municipal do PP da Illa de Arousa, Matías Cañón, fixo unha lectura totalmente contraposta á triunfalista do rexedor, Luis Arousa, sobre a redución da circulación á metade nos últimos días polas zonas afectadas pola restricción de circulación que pretende impoñer o goberno local: “As novas medidas de tráfico non están funcionando como di o alcalde, máis ben ao contrario, só están botando aos veciños do pobo, porque por agora non hai turistas na Illa, así que os que están deixando de circular son a nosa xente”.
O concelleiro popular sostén, e así se palpa na Illa, que “os veciños teñen medo a circular pola súa propia vila e iso que aínda non están implantadas as multas” e insistíu en “nin durante a Semana Santa, que non fixo un gran tempo, nin no mes de maio tivemos xente de fóra, polo que estas medidas están prexudicando aos veciños e tamén aos de concellos veciños cos que temos moita relación, como Cambados, Vilanova ou Vilagarcía, e queremos lembrar que o obxectivo tiña que ser o contrario”.
Ademais, o edil engadíu que o problema para a xente da Arousa “vai en aumento”, posto que os datos de Semana Santa facilitados polo Concello apuntaban a unha redución 38% na Abilleira, do 29% no Cruceiro e do 55% na Torre e agora, cos recentes datos de maio, xa se di que diminíu en xeral ao 50%, “polo que moito nos tememos que, a partires do 15 de xuño, a xente xa nin se mova pola súa propia vila”. Neste senso, tamén engadíu que os datos poden estar condicionados polo feito de que unha das zonas afectadas estivo en obras durante estas semanas.
Matías Cañón, que insistíu en que o PP defende e está a favor de que haxa medidas reais e efectivas que beneficien á circulación dos veciños da Illa “pero non este despropósito”, tamén explicou que moitos negocios vanse ver prexudicados posto que se vai negar o acceso a moitos provedores, xa que tras a recepción de 300 solicitudes o propio rexedor adiantou que moitas vanse rexeitar por non cumprir cos requisitos, “o que quere dicir que están mal plantexados”. E tamén lle afeou as súas manifestacións augurando que haberá moitas multas que estean mal postas, pero que o asunto irase corrixindo, “o que demostra que isto non ten nin pés nin cabeza e que máis ben parece estar facendo un experimento coas vidas e os negocios de todos os veciños”.
Así mesmo, tamén lle replicou, ante a súa argumentación de que estas medidas foron postas en marcha en moitos sitios, que estas restriccións non suceden en ningún outro lugar da provincia agás en Pontevedra “e supoñemos que non fai falla que lle expliquemos que a Illa non é unha cidade nin funciona como tal”.
Finalmente, Cañón, ante as acusacións vertidas polo alcalde contra o PP sobre populismo, politización e oportunismo, lembroulle que “está completamente só co apoio da súa muleta do BNG” neste asunto, posto que ademais da súa formación, tamén se opoñen a estas medidas a asociación de empresarios, a práctica totalidade dos propietarios de negocios, os transportistas e a inmensa maioría dos veciños.