Cachafeiro solicítalle Abel Losada os prazos para a execución da mellora integral da N-541 en Forcarei anunciada hai máis de tres anos polo Goberno de España
13 de marzo de 2026.-
A alcaldesa e presidenta do PP de Forcarei, Belén Cachafeiro, aproveitou a visita que realizou hoxe o subdelegado do Goberno, Abel Losada, para anunciar uns bacheos na estrada N-541 para entregarlle en persoa unha carta na que lle demanda información exacta e exhaustiva sobre sobre os prazos para a execución da mellora integral desta vía nacional, anunciada hai máis de tres anos polo Goberno de España cun suposto investimento de 4 millóns a través do entón delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.
A rexedora, na súa misiva, apela a un clima de colaboración e respecto institucional entre ambas administracións, pero esixe saber cal é o cronograma para a reforma completa da N-541 en Forcarei “tras o seu evidente retraso de 33 meses”.
Na súa carta, na que lle pide ao subdelegado a correspondente información no prazo máis breve posible tan pronto como llo permita a súa axenda e a súa actividade institucional, Cachafeiro lamenta os incumprimentos reiterados nos prazos, xa que na previsión inicial apuntábase á licitación da obra no primeiro semestre de 2023.
“A diferenza doutros tempos pasados neste concello actuamos co máximo respecto institucional, pero tamén coa defensa absoluta dos intereses dos nosos veciños, que son aos que nos debemos por riba de todas as cousas. Esiximos que se cumpra con Forcarei e máxime cando o propio subdelegado asegurou, hai exactamente dous anos, que esta importante obra na N-541 no noso concello era prioritaria, pero, por desgraza e ata a data, aínda non vimos nada e nos tememos que o proxecto estea paralizado por razón descoñecidas”, sinalou a alcaldesa, que agarda que o lexítimo e necesario cambio no goberno local non sexa un dos motivos do abandono do proxecto.
Ademais, e aproveitando a solicitude de información para o proxecto de renovación de 17 quilómetros -entre os puntos 51 e 68- que anunciou o propio Goberno de España, Belén Cachafeiro tamén reclamou a modernización de toda a estrada N-541 na provincia de Pontevedra ata a capital provincial, “xa que se trata dunha vía fundamental para o desenvolvemento de Forcarei por ser a conexión coa capital, coa que temos e facemos moita vida, e que se atopa nunhas condicións lamentables que non se arranxan cuns bacheos”.