Bas: “Mañá Redondela terá orzamentos, pero seguirá sen ter goberno e coa situación moi agravada pola crecente xenreira entre PSOE, BNG e AER”

Redondela, 4 de xuño de 2025.-

“Mañá remata o mes da Cuestión de Confianza na que Digna Rivas perdeu o apoio da maioría do pleno e o Concello vai ter orzamentos para este ano, moi malos por certo, pero seguirá sen ter goberno e ademais coa situación moi agravada para atender aos redondeláns, porque estes trinta días só serviron para que siga medrando a xenreira entre PSOE, BNG e AER”. Deste xeito, o voceiro municipal do PP, Javier Bas, valorou os acontecementos deste mes e os nulos movementos para que se garanta a gobernabilidade ata final do mandato en maio de 2027.

Os populares cren que estes dous anos “vanse facer moi longos para os veciños” e lamentaron que as tres forzas de esquerda “desaproveitaran totalmente este mes sen falar sequera entre eles e limitándose a lanzarse os trastos á cabeza”, xa que non alcanzaron un acordo de goberno, non presentaron ningunha alternativa ao executivo actual e tampouco chegaron a un pacto con medidas básicas para garantir unha certa gobernabilidade para os dous próximos anos.

“O BNG, tan enfrontado a Digna Rivas, puido facer algo, o que fora, para cambiar as cousas, AER tamén puido emprender negociacións xa que reclaman estabilidade política e económica e a alcaldesa tiña a obriga moral de tentar armar un tripartito, pero non fixeron absolutamente nada máis que insultarse e enfrontarse, o que demostra que os redondeláns lle importan un pemento, nun exercicio de irresponsabilidade tan grande que non son merecentes dos escaños que ocupan no pleno de Redondela”, indicou Bas, que recalcou que o PP “sabe perfectamente a posición que ocupa, na oposición ata dentro de dous anos, e só queremos que fagan algo para tentar salvar o mandato cunha mínima solvencia, xa nin sequera pedimos grandes cousas, só uns servizos mínimos, aínda que Redondela merece moito máis”.

Javier Bas lamentou que os tres partidos de esquerdas “estean enrocados” nas súas posicións e non se movan un ápice malia ser tres partidos minoritarios na corporación e advertíu de que “o executivo de Digna Rivas está totalmente afundido, pero parece que a ningún dos tres lle importe”.

“A alcaldesa vai estar contenta porque rise do BNG sen darse conta de que cada día abandona máis aos veciños, AER pasa de todo porque sabe que camiña cara a desaparición e o Bloque está a facer o peor que se pode facer en política, o ridículo, postulándose como unha falsa alternativa a PP e PSOE pero sabendo que volverá a quedar como terceira forza e, chegado o caso e se se dan as circunstancias, levantando a man para investir de novo a Digna Rivas. Isto é lamentable e agardamos que os redondeláns tomen nota”, apostillou o voceiro popular.

Ante esta situación, Bas anunciou que o PP decidiuse a levar a iniciativa, como está a facer na práctica totalidade do mandato ante este desgoberno, e está a elaborar un plan de propostas de mínimos que, de aceptarse, permitirán rematar o mandato ao executivo con certa estabilidade, aínda que amosou a súa desconfianza, xa que a PSOE, BNG e AER “só lle importa a súa lea e para nada, e aos feitos nos remitimos, os redondeláns”. Ademais, engadíu que o PP intensificará os seus contactos coa cidadanía e reitera que está totalmente a disposición dos veciños para que lles trasladen as súas necesidades, “xa que a través nosa é como mellor poden chegar a bo porto”.

Finalmente, Bas acusou aos tres partidos de esquerda de incumprir flagrantemente co resultado das eleccións de 2023 e co mandato dos cidadáns: “No PP defendemos que debe gobernar a lista máis votada, e os feitos dannos a razón porque moito mellor lle iría a Redondela, pero eles din, falsamente, que os cidadáns votaron polo diálogo e por un goberno de esquerdas, sosteñen que ese é o mandato das urnas, e loxicamente non o están cumprindo, así que por respecto aos redondeláns debía dimitir e marcharse todos para casa”.