Bas critica a xestión e o retraso no proxecto de Avenida de Mendiño por parte de Rivas malia que a Xunta transfire 1,1 millóns e esixe “un proxecto da categoría de Redondela”
Redondela, 6 de marzo de 2026.-
O voceiro do grupo municipal do PP de Redondela, Javier Bas, vén de criticar abertamente a xestión e o enorme retraso no proxecto de mellora e urbanización da Avenida de Mendiño, que actualmente presenta un estado lamentable e co firme moi deteriorado, por parte da alcaldesa, Digna Rivas, malia que dispón dunha xenerosa partida de 1,1 millóns de euros transferida pola Xunta para o financiamento desta actuación. Ademais, o representante popular reclamou que este investimento se execute “cun proxecto da categoría de Redondela” e non coas habituais solucións cativas do goberno local propias de concellos pequenos.
O concelleiro lamentou, por unha banda, que o Concello dispoña deste treito dun quilómetro da PO-363 entre a Avenida de Santa Mariña e o porto de Cesantes desde hai cinco meses, dado que a cesión foi aprobada pola Xunta o pasado mes de outubro, e non se rexistraran avances significativos para a súa mellora mentres a rexedora se adicou durante todo este tempo a criticar ao Goberno galego “dun modo sobreactuado tras recibir un millón de euros e máis pensado en xustificarse que en acometer canto antes a modernización desta arteria principal”.
Neste senso, o edil do PP lembrou que a Xunta formuloulle dúas propostas para a modernización deste avenida e a alcaldesa aceptou a que quixo, que consistía na cesión e na transferencia do 75% do financiamento. “Rivas quixo facerse coa estrada e encargarse da súa mellora, previo pago por parte do Goberno galego, polo que agora ninguén entende as súas queixas, pero desde o PP cremos que esta non é a mellor solución para Redondela porque, polos seus precedentes e incapacidade de xestión, danos pavor o posible resultado final e hai moitos tristes exemplos diso na trama urbana de Redondela”, significou o voceiro.
Itinerarios seguros, humanización e solucións de tráfico
Javier Bas, que percorreu esta rúa para falar coa veciñanza sobre as necesidades da mesma, tamén incidíu na necesidade de que o proxecto, que teóricamente está en fase de redacción desde o pasado mes de novembro, “sexa o que merecen os veciños e acorde ao cuarto concello da provincia”, polo que considera que debe incluír itinerarios peonís seguros para os escolares, unha humanización acaída ao futuro gran Espazo Cultural, Social e Xuvenil de Redondela e, paralelamente, unha solución de tráfico para os buses do transporte escolar, os vehículos que se dirixen aos centros educativos e o tráfico restante, xa que cómpre sinalar que esta avenida rexistra 7.000 vehículos diarios.
Finalmente, o concelleiro expresou as súas queixas pola lentitude e os retrasos nesta mellora, xa que a vía foi cedido pola Xunta en outubro e a redacción do proxecto sacouse a licitación en novembro, “pero catro meses despois aínda nada sabemos diso”. Ademais, recalcou que a mellora “vai para longo”, xa que cando estea o proxecto aínda haberá que revisalo, afrontar novas tramitacións administrativas e posteriormente proceder a unha nova licitación para a obra.