Bas arremete contra a xestión de Digna Rivas por perder máis de 2,6 millóns de euros dos fondos EDIL malia as necesidades de servizos e investimentos de Redondela
Redondela, 26 de maio de 2026
O voceiro municipal do PP de Redondela, Javier Bas, arremeteu contra a xestión da alcaldesa, Digna Rivas, na consecución da nova quenda de fondos europeos por perder 2.624.000 euros das axudas do plan de Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL) malia as moitas necesidades de servizos e investimentos que ten o concello.
“É intolerable e unha falta de respecto aos veciños que todos os concellos de máis de 20.000 habitantes da provincia solicitaran e conseguiran 10,9 millóns de euros, que era a contía máxima, e Redondela só presentara unha proposta de 8,2 millóns desaproveitando unha grandísima oportunidade porque somos o que ten máis infraestruturas pendentes”, advertíu o concelleiro popular, que instou á rexedora a non queixarse nunca máis da falta de fondos, xa que despois desta neglixencia de xestión “queda totalmente desautorizada”.
O edil popular recalcou que Vilagarcía, Marín, Lalín, A Estrada, O Porriño e Ponteareas, así como Vilanova de Arousa á fronte do xeodestino Mar de Santiago, “fixeron os deberes e conseguiron para os seus veciños o máximo ao que podían optar” mentres que o Concello de Redondela demostrou novamente “pouca ambición e incluso irresponsabilidade” posto que carece, entre moitas outras cousas, dun auditorio, a reforma do Mercado, as instalacións de atletismo e o pavillón e a escola infantil de Chapela.
Para Javier Bas esta situación responde claramente á falta de ideas e de ilusión do goberno local e tamén á mala xestión económica e a falta de cartos da tesourería municipal, xa que cómpre lembrar que cada Concello debería achegar o 40% do financiamento, aínda que esta cantidade vaise rebaixar finalmente a só o 20% despois de que a Deputación abrise unha nova liña de axudas, denominada Espazo Depo e na que participou o propio Javier Bas en calidade de director de coordinación intermunicipal. “Malia que lle poñen 10,9 millóns en bandexa e que a Deputación acude novamente ao rescate de Redondela, pois nin por esas o goberno de Rivas é capaz de aproveitar unha oportunidade histórica”, lamentou o voceiro popular.
Finalmente, Javier Bas criticou que esta situación non é nova, posto que “chove sobre mollado”, xa que nos case sete anos de goberno socialista Redondela xa perdeu máis de 9 millóns de euros en axudas e subvencións: “Rivas e o seu equipo son unha máquina de perder cartos cun chorreo insoportable e non descartamos que a cifra se incremente pola súa incapacidade”, sinalou o voceiro, que salientou a súa actuación responsable con Redondela, malia estar na oposición, ao colaborar co financiamento da Deputación para o EDIL, que reportará uns 1,7 millóns para o Concello.