Bas alerta dos graves problemas de tráfico e dos atascos xerados polo novo peche do casco vello e lamenta a forte conflitividade veciñal por estas restriccións

Redondela, 11 de setembro de 2025.

O voceiro municipal do PP de Redondela, Javier Bas, vén de facer unha valoración inicial dos primeiros días do novo peche ao tráfico decretado no casco vello da localidade polo executivo de Digna Rivas alertando da existencia de graves problemas tráfico e de atascos, especialmente a determinadas horas do día, nas principais rúas da vila e, ademais, tamen lamentou a forte conflitividade e malestar espertada na inmensa maioría dos veciños por estas restriccións.

O concelleiro popular considera que a semiclausura de Figueiral, Telmo Bernárdez e Praza da Constitución -xa que se permitirá o paso de vehículos de residentes, carga e descarga e emerxencias- “obedece exclusivamente a unha decisión sectaria feita con absoluta improvisación e sen consenso coa cidadanía nunha mostra máis de que Digna Rivas goberna totalmente de costas ao pobo de Redondela”. Neste senso, engadíu que esta medida provoca moitos máis prexuízos á fluidez da circulación na localidade, posto que tende a colapsala, que beneficios baseados nunha suposta prioridade peonil e redución da contaminación.

“Falar de aposta polo peón cando os coches van seguir pasando, aínda que loxicamente en menor medida polas restriccións, e de que en Redondela se vai contaminar menos, cando o certo é que circularán os mesmos coches, pero simplemente non o van facer por esas rúas, é a maneira que ten o goberno de xustificar o inxustificable”, apostillou o edil.

Ademais, lembrou que, a estes problemas, súmase unha cuestión igual de importante, como é a falta de respaldo social, posto que os comerciantes entregaron en maio 1.700 sinaturas contra estas accións de peche no casco vello e ademais esa sensación de malestar cidadá constátase día a día nas rúas e nas propias redes sociais do Concello.

Nesta liña, Bas incidíu tamén nas dúbidas e os problemas que vai xerar, a partires do mes de outubro, a imposición de sancións, posto que van ser interpostas a través do sistema de control de cámaras e ademais dependen das altas rexistradas para vehículos autorizados cos conseguintes atrancos que pode haber para residentes maiores ou transportistas ocasionais, polo que atisba un novo foco de conflitividade.

“O resultado deste novo semipeche do casco vello é que as rúas principais de Redondela estanse a colapsar aínda máis, os veciños dos Eidos e doutras zonas teñen que dar un gran rodeo, ademais por zonas atascadas, para chegar ás súas casas, os comerciantes vense afectados negativamente con menor tránsito de clientes e, ademais, seguirá habendo coches no casco vello polas autorizacións emitidas, polo que non vemos nada a favor desta medida”, concluíu.