Adrián Vázquez: “Nun só ano de lexislatura conseguimos en Europa o control cinexético do lobo para Galicia e nuns meses teremos unha PAC máis flexible para o sector agrogandeiro”
Venres, 6 de xuño de 2025.-
O eurodeputado galego do Partido Popular Adrián Vázquez visitou este mediodía a 47ª edición da Semana Verde de Galicia, que ten lugar estes días no recinto feiral de Silleda, para coñecer de primeira man o estado e as novidades do sector primario e para facer balance do primeiro ano de lexislatura na Unión Europea, destacando o “gran traballo” do PP en materia de agricultura e gandeiría.
“Nun só ano conseguimos en Europa o control cinexético do lobo, que é unha medida histórica que devolve a tranquilidade aos gandeiros fronte aos crecentes ataques ás súas reses e a unha política excesivamente proteccionista do Goberno de España, que ía contra os intereses dos produtores. E ademais, en cuestións de meses teremos en marcha, exclusivamente grazas ao noso traballo, unha nova Política Agraria Común (PAC) máis xusta, máis flexible e centrada nas necesidades reais do campo galego e español”, aseguro Vázquez, tras o seu percorrido polos expositores, no que estivo acompañado polo voceiro municipal do PP, Ignacio Maril, e outros membros do partido de Silleda.
A visita do eurodeputado, natural de Lalín e moi vencellado á Semana Verde por tradición familiar, coincidíu coa antesala do primeiro aniversario das Eleccións Europeas de 2024, nas que o PP foi de novo o partido máis votado en Galicia, cun 43,62%, o que permitíu que haxa dous representantes galegos no Parlamento Europeo, xa que á acta de Vázquez hai que engadir a de Francisco Millán Mon, ambos da provincia de Pontevedra.
“Estar en Silleda, o pobo da miña nai, sempre é especial. Lembro vir aquí de neno co meu pai, que adicou gran parte da súa vida a escribir un libro para promocionar esta feira. Por iso, estar hoxe aquí, e ver superarse á Semana Verde unha vez máis, e convertida nun evento de absoluta referenza, que medra ano a ano, é un orgullo, e máis coa enorme proxección europea e internacional do máximo nivel que eleva a cifra récord de 69 expositores estranxeiros de países como Portugal, Italia, México, Cuba, Colombia ou Estados Unidos”, indicou.
Todo elo, como lembrou o eurodeputado, considérao un motivo de orgullo para Silleda e para toda a comarca do Deza: “Esta feira é moito máis que un escaparate, é unha fiestra ao mundo para todo o sector primario galego. A Semana Verde representa a riqueza e a diversidade do noso territorio desde a alimentación e o turismo ata a natureza ou a caza e todo isto é tamén o que defendemos desde o PP en Europa”.
Finalmente, o eurodeputado tamén quiso salientar o compromiso firme do PP co rural galego engadindo outras cuestións que están a ser importantes no devir da lexislatura continental: “Prometimos que os comisarios europeos de Agricultura e o de Pesca serían do Partido Popular Europeo e cumprimos. Prometimos modificar a Directiva de Hábitats para permitir o control cinexético do lobo alí onde causara danos e houbera superpoboación, como en Galicia, e tamén o sacamos adiante malia a oposición do Goberno de Pedro Sánchez. E máis cedo que tarde cumpriremos cunha nova PAC que simplificará trámites e reforzará ás nosas explotacións”.