A Xustiza confirma a perda da axuda de 305.000 euros ao Concello de Forcarei para o arranxo da antiga Casa da Xuventude pola mala xestión da socialista Verónica Pichel
26 de setembro de 2026.
O Tribunal de Instancia do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra vén de confirmar en sede xudicial que o Concello de Forcarei vai perder os 305.000 euros do Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra orientados á rehabilitación da antiga Casa da Xuventude polos graves erros de xestión e as irregularidades cometidas neste proceso pola ex alcaldesa socialista Verónica Pichel.
A sentencia, datada o 14 de setembro e que acaba de ser recibida polo Concello, inadmite o recurso contencioso interposto no seu día pola ex rexedora por carecer do acordo plenario que debe sustentar a interposición dunha demanda destas características e por non dispoñer do preceptivo informe de Secretaría. En todo caso, a reclamación pretendida pola ex alcaldesa non ía saír adiante, posto que actuou e investíu esta achega no inmoble malia nin dispoñer da súa titularidade, que era algo esixido polas bases do citado programa ReacPon da Deputación elaboradas co anterior goberno provincial.
“Este é o triste nivel de xestión que sufrimos en Forcarei durante seis anos, o dunha alcaldesa e un goberno que nin sequera sabían o que había que facer para interpoñer un recurso e que tristemente estaba abocado ao fracaso polo flagrante incumprimento das condicións da axuda provincial”, explicou a presidente do PP local e rexedora, Belén Cachafeiro, que engadíu que esta actuación dos socialistas custoulle aos veciños os 305.000 euros da axuda perdida máis decenas de miles de euros en abogados, costas e gastos xudiciais.
Ante esta situación, que deixou en precario as arcas municipais xunto coas constantes perdas de axudas doutras administracións baixo o mandato de Pichel e as constantes sentencias desfavorables, o actual goberno tivo que abonar o remate de obra da antiga Casa da Xuventude con fondos propios e centrarse na xestión para compensar esta situación de deterioro.
“Este era o último dos moitos casos abertos na época de Verónica Pichel e esta é a última sentencia, todas ela perdidas polo Concello, dunha época negra que nos custou centos de miles de euros a todos os forcaricenses, pero afortunadamente nos últimos quince meses, a base de moito traballo, conseguimos compensalo mobilizando máis de 8 millóns de euros a prol dos veciños”, explicou Cachafeiro.
Deste xeito, a alcaldesa quixo lamentar que o proxecto de rehabilitación da antiga Casa da Xuventude e a súa conversión no agora chamado Espazo Multixeracional “non tivo a axuda que nos correspondía pola mala xestión de Pichel e tivo que ser pagado polo actual goberno”. E ademais, engadíu que, durante o mandato dos socialistas, o edificio permaneceu pechado a cal e canto e sen uso, “co cal non foi de ningunha utilidade para a veciñanza”.
Por iso, anunciou que, a partires de agora que o edificio xa non está pendente de ningunha resolución, o actual executivo “comezará a facer as cousas ben que non se facían antes, pedindo a cesión de uso do inmoble á Xunta de Galicia, para acadar a súa apertura no prazo máis breve posible cos usos e fins que se acordarán cos veciños e que se adaptarán ás súas necesidades”.