A Xunta Local do PP da Estrada convoca o 11º Congreso Local para o 19 de outubro baixo o lema “A Estrada das oportunidades”
Sábado, 20 de setembro de 2025.-
A Xunta Local do PP a Estrada mantivo onte á noite un encontro, encabezado polo conselleiro José López como presidente da agrupación, no que decidiu a convocatoria do 11º Congreso Local do partido, que se celebrará o próximo domingo 19 de outubro no anexo do polideportivo municipal Coto Ferreiro baixo o lema “A Estrada das oportunidades”.
Neste encontro interno, o ex alcalde e responsable autonómico cesou na súa responsabilidade orgánica municipal e deixou a dirección do PP local, de xeito provisional e durante este mes ata a celebración deste cónclave, no Comité Organizador do Congreso (COC), que estará presidido polo secretario xeral local e ex tenente de alcalde, Juan Constenla, e do que tamén formarán parte o concelleiro Alberto Blanco como secretario e Rocío Blanco como vogal.
Ademais, tamén se aprobou o cronograma da convocatoria, que comeza hoxe mesmo coa apertura dun prazo de dez días, ata o luns 29 de setembro, para a recollida de avais por parte das persoas interesadas en formalizar a súa candidatura. Poderán optar á presidencia do PP da Estrada todos os militantes que cumpran os requisitos estatutarios e de antigüidade e que reúnan alomenos 60 apoios válidos.
A proclamación de candidaturas formalizarase, por parte do COC, entre o 30 de setembro e o 1 de outubro e posteriormente abrirase outro prazo de dez días para a realización dunha campaña electoral interna entre a militancia. Finalmente, habilitouse o 13 de outubro como data límite para que os candidatos proclamados presenten a súa proposta de xunta local, que estará conformada por un máximo de 20 vogais e que quedarán validadas, por parte do COC e se cumpren os requisitos, ao día seguinte.
Deste xeito, o PP da Estrada volverá a celebrar un proceso congresual tras o realizado o 12 de xuño de 2010 baixo o lema “Unión, proxecto e xestión” e no que saíu elixido como presidente local José López Campos, que menos dun ano despois recuperaba a Alcaldía para os populares locais tras obter a maioría absoluta nos comicios de 2011 e que dirixíu o partido nos últimos quince anos.