A Valedora do Pobo da a razón ao PP de Moaña na súa reclamación de acceso á información e respecto institucional e esíxelle ao Concello que facilite o traballo dos seus concelleiros
Sábado, 28 de xuño de 2025.-
O PP de Moaña vén de obter a razón por parte da Valedora do Pobo na súa reclamación de acceso á información e respecto institucional por parte do Concello, xa que os populares presentaron unha queixa ante esta institución polos constantes atrancos, negativas e bloqueos por parte do executivo nacionalista e a entidade presidida por Dolores Fernández dirixiuse ao executivo para pedirlle que facilite o traballo dos concelleiros da oposición en consonancia coa normativa.
“En Moaña o goberno do BNG impide unha e outra vez o noso traballo de fiscalización e control incumprindo todas as regras da transparencia e que nos fai intuir que teñen moito que ocultar. Aínda que a alcaldesa non lle guste, o PP representa a 3.200 moañeses e conta nada máis e nada menos que con 6 concelleiros na corporación, polo que temos unha representatividade e un traballo por facer e ímolo sacar adiante malia a súa actitude autoritaria e antidemocrática”, apostillou o voceiro, Alfonso Piñeiro.
Na súa comunicación coa Valedoría do Pobo, os populares informaron que o goberno nacionalista incumpre o Regulamento Orgánico Municipal, non facilita a información dos expedientes municipais malia solicitarse reiteradamente e nin sequera por silencio administrativo, remítese á información facilitada de xeito oral nas comisións informativas, insta a recabar datos a través do portal de transparencia, entrega as actas da xunta de goberno en prazos totalmente inoperativos de ata seis meses malia que se celebran semanalmente e non cursa os preceptivos convites aos actos institucionais patrocinados ou organizados polo propio Concello malia ser tamén os seus lexítimos representantes.
De feito, no seu escrito á institución, o PP puxo varios exemplos concretos, como as súas solicitudes de información sobre a homologación do palco para eventos, o acceso ao “Concello Vello”, as facturas de publicidade institucional ou os gastos do Festival de Jazz.
Ante esta situación, a Valedoría do Pobo dirixiuse ao goberno local para recabar a súa versión dos feitos e, entre as súas xustificacións, falou da lentitude destes procedementos pola carga administrativa e a falta de persoal, comprometéndose a reforzar o plantel ao longo do presente ano 2025.
Sen embargo, a entidade presidida por Dolores Fernández advirte de que todas estas circunstancias non eximen, en ningún caso, de negar o acceso de toda a información pública aos concelleiros do PP, “incluso en maior medida cun cidadán posto que se trata de representantes públicos” dos moañeses. Por elo, reclámalle ao Concello que garanta a transparencia e un acceso áxil á información municipal, que se facilite a entrada nos edificios municipais e que se permita o axeitado traballo da oposición. Así, concedeulle un prazo dun mes para que informe, a través dunha resolución, das medidas adoptadas para o cumprimento do acceso á información pública dos edís do PP de Moaña.