A “ESTAFA” DOS REMANENTES: O BNG, PSOE E EU DEIXAN EN FUME MÁIS DO 80% DO AFORRO MUNICIPAL

Cangas (Pontevedra), 14 de setembro do 2026

O Partido Popular de Cangas cualifica de “estafa política” a proposta de destino dos cartos do aforro municipal do goberno tripartito de BNG, PSOE e EU. Despois de que o executivo da nacionalista Araceli Gestido acusase de forma reiterada ao Partido Popular de bloquear a utilización dos remanentes para xustificar os seus propios atrasos, a memoria oficial de Alcaldía asinada pola propia rexedora destapou a realidade das contas locais.

O Concello de Cangas ten exactamente 5.752.304 euros gardados no banco, pero o equipo de goberno só foi quen de artellar un expediente plenario por valor de 1.059.177 euros. Esta fenda constata que case o 82% dos recursos municipais dispoñibles —máis de 4,69 millóns de euros— fican totalmente conxelados nas contas bancarias mentres os barrios e parroquias da vila padecen un deterioro constante.

Para a voceira municipal popular, Dolores Hermelo, o tempo rematou desmontando a coartada do tripartito: «Tentaron culpar ao Partido Popular de poñer atrancos cando a verdade era que non tiñan proxectos nin capacidade algunha para redactalos. Venderon en prensa e ao colectivos 3,3 millóns de euros en investimentos que non existían sobre o papel, e agora confírmase que sentan sobre case seis millóns de euros sen saber que facer con eles mentres as rúas de Cangas están cheas de fochancas, contedores rotos, rúas sen limpeza, problemas na rede municipal de saneamento e abastecemento, instalacións deportivas deterioradas e o termo municipal sofre un abandono absoluto».

Ademais, máis do 52% dos cartos que agora mobilizan —un total de 560.673 euros— nin sequera responden a actuacións propias, senón a obrigas financeiras para non perder acordos da Deputación de Pontevedra, como os 459.654 euros do Plan Extra para a contorna do Centro de Saúde e os 101.019 euros do vial provincial EP-1002. Ao restar estes pagos comprometidos con outras administracións, o investimento directo do tripartito en todo o municipio redúcese a uns cativos 498.500 euros.

 

Meses de anuncios baleiros

Esta proposta pon de manifesto que o goberno local estivo enganando á veciñanza durante meses con promesas sen contido real. O tripartito pasou todo o verán anunciando nos medios de comunicación a inminente aprobación dos remanentes, chegando a prometer a convocatoria de sucesivos plenos extraordinarios ao longo da tempada estival para activar as obras de xeito urxente. A realidade demostrou que foron incapaces de cumprir o seu propio calendario e non foi ata finais deste mes de setembro cando levarán ao Pleno da Corporación unha modificación orzamentaria descafeinada, improvisada e recortada a menos dunha terceira parte.

A documentación oficial desactiva calquera relato victimista do tripartito e sitúa a parálise interna do propio goberno como a única responsable da falla de actuacións e investimentos en Cangas. A incapacidade xestora de BNG, PSOE e EU é a que explica que estean a piques de cumprirse cinco meses dende que o PP rexistrou a súa solicitude formal para acceder aos expedientes e proxectos técnicos das obras anunciadas en abril. O goberno mantivo o silencio administrativo ilegal simplemente porque eses proxectos non existían, preferindo ocultar a súa inacción antes que recoñecer a súa nula planificación fronte ás demandas veciñais.

 

Desaparición masiva de obras

A comparativa entre o anunciado e o expediente definitivo certifica que as principais actuacións comprometidas foron completamente borradas do mapa. Caeron proxectos viarios fundamentais como a segunda fase da rúa Longán para conectar con Gruncheiras, a primeira fase da rúa Toxeira e os dous aparcadoiros disuasorios prometidos na rúa Aragón e na Avenida de Galicia. Tampouco hai un só céntimo para a urxente Fase III das redes e pavimento na Avenida Espírito Santo nin para resolver os problemas de saneamento pendentes.

O abandono faise extensivo á nave dos deportes náuticos, á rehabilitación da Capela de Vilanova, ao Camiño da Costa de Aldán e á conservación dos areais de Liméns e Nerga. Na Casa da Cultura Bernardino Graña o anunciado reforzo estrutural das columnas reduciuse a un gasto de mobles por 13.336 euros, mentres que da rede de espazos infantís prometida caeron catro parques esenciais como Herbello, a Alameda Nova, a Estación de Autobuses e Castiñeiras.

 

Un goberno sen tempo

Hermelo conclúe advertindo da trampa legal que supón tramitar esta modificación a finais de setembro ao abeiro do Real Decreto-lei 13/2026, norma que esixe que as actuacións queden formalmente comprometidas dentro deste mesmo ano. Cos prazos de exposición pública no BOPPO, resulta inviable licitar e adxudicar unha ducia de contratos antes do 31 de decembro. O Partido Popular votará en defensa do rigor e das necesidades reais das parroquias fronte a un executivo municipal paralizado, incapaz de traballar e que deixa os aforros no banco mentres Cangas segue degradándose.