A alcaldesa Nidia Arévalo presenta a única candidatura á presidencia do PP de Mos no 5º Congreso Local coa entrega dos avais do 90% dos militantes da agrupación

Venres, 8 de maio de 2026.-

alcaldesa Nidia Arévalo vén de presentar a única candidatura á presidencia do PP Mos co gallo do 5º Congreso Local, que se celebrará o vindeiro sábado 23 de maio, coa entrega dos avais do 90% dos militantes da agrupación, que fixo efectiva onte á noite na data de peche para a formalización de aspirantes.

Agora, o Comité Organizador do Congreso (COC) analizará a documentación para comprobar que a aspirante cumpre con todos os requisitos de apoio no que se refire aos avais necesarios e tamén estatutarios e de militancia para proclamala, previsiblemente, como única candidata oficial no cónclave dos populares de Mos.

Tras a proclamación de Nidia Arévalo, abrirase unha campaña electoral interna por espazo de dez días para que lle poida explicar aos militantes o seu proxecto de futuro para o PP local e posteriormente, nas datas anteriores ao congreso, dará a coñecer os compoñentes da súa xunta local.

En caso de que confirmarse como próxima presidenta, Nidia Arévalo tomará o testemuño de Camilo Augusto, concelleiro do goberno local, que foi quen dirixíu o partido desde o ano 2009 con rotundo éxito, posto que o PP mosense obtivo maioría absoluta nas catro eleccións municipais celebradas nestes 17 anos e conseguíu gañar en todos os comicios celebrados neste período.

Tras a entrega de avais, Nidia Arévalo apelou á “prudencia e aos tempos” propios dun proceso congresual ata que sexa proclamada oficialmente como candidata, pero amosou a súa ledicia e satisfacción polo cariño e apoio case unánime recibido da militancia: “Estes días de recollida de avais foron un proceso moi enriquecedor polo contacto directo coa nosa xente, pero ademais, tras case vinte anos como alcaldesa, síntome moi agradecida de que me sigan apoiando de maneira tan abrumadora tanto a min como a todo o meu equipo”.

Finalmente, agradeceu o “inmenso traballo” de Camilo Augusto, ao que definiu como unha persoa da súa máxima confianza, á fronte do partido e recalcou que seguirá a desempeñar un “papel imprescindible” no futuro do PP local e convidou a todos os militantes a asistir ao congreso do 23 de maio “para vivir unha data histórica”.