A alcaldesa Araceli Gestido e a súa concelleira Lucía Docampo volven darlle as costas ao comercio local ao deixar perder as axudas da Xunta para a Praza de Abastos

Cangas, 22 de maio de 2025.-

Desde o Partido Popular de Cangas queremos denunciar con firmeza a neglixencia política e a inaceptable falta de xestión da alcaldesa Araceli Gestido (BNG) e da súa concelleira de Desenvolvemento Económico, Lucía Docampo (BNG). Ambas son as máximas responsables de que Cangas volva quedar fóra dunha importante convocatoria de axudas, privando á nosa Praza de Abastos dun investimento que podería ter suposto unha verdadeira mellora para comerciantes e veciñanza.

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo publicou no Diario Oficial de Galicia a resolución do crédito da subvencións do programa “Mercados Excelentes de Galicia” (procedemento IN223A), convocado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

E que fixo o Goberno de Cangas? Chegou tarde, como sempre. Demostrando, unha vez máis, descoido, desorganización e desprezo absoluto polo comercio local.

A responsabilidade directa é das concelleiras Lucía Docampo (Desenvolvemento) e Xiana Abal (Facenda), pero tamén da Sra. alcaldesa Araceli Gestido, que nin lidera, nin supervisa, nin esixe resultados ao seu equipo, converténdose nunha espectadora pasiva dunha xestión que afunde cada día máis.

Mentres outros concellos do Morrazo actuaron con eficacia:

  • Bueu, gobernado polo BNG, recibiu 12.000 €
  • Marín, gobernado polo PP, logrou 11.200 €

En Cangas, gobernada polo tripartito BNG, PSOE e EU, seguimos acumulando oportunidades perdidas, nesta ocasión maís de 38.000 €, por culpa dunha alcaldesa desaparecida e dunhas concelleiras incapaces de cumprir cos mínimos dunha xestión responsable.

A Praza de Abastos de Cangas leva anos esixindo unha reforma integral. Comerciantes e cidadáns están fartos de promesas baleiras mentres ven como outros municipios avanzan e aquí todo queda en palabras. Esta última perda de fondos é un insulto directo aos que loitan cada día por manter vivo o comercio tradicional.

Desde o PP de Cangas, esiximos explicacións públicas inmediatas por parte da alcaldesa Araceli Gestido e das concelleiras. E tamén a asunción de responsabilidades políticas. Non poden seguir agochadas tras o silencio mentres fan que Cangas perda oportunidades unha tras outra.

O noso compromiso é claro: traballaremos con seriedade, previsión e rigor para que Cangas deixe de perder o tren do desenvolvemento económico, e para que a nosa Praza de Abastos reciba o investimento e o respecto que merece.