Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O Bipartito négase a dar explicacións sobre a perda da Bandeira Azul de Xiorto e a multa por un vertido ilegal en Raxó

    • O goberno de Luciano Sobral respondeu con evasivas á petición do informe oficial sobre a retirada do distintivo á praia de Xiorto e do expediente incoado pola Xunta para multar a Poio con 30.000 euros por vertidos ilegais.
    • Para o PP, os repetidos anuncios do Bipartito de presuntas accións legais responden a unha estratexia de poder chegar ás eleccións ocultando que non fixeron nada: «Queren gañar tempo a costa de prexudicar aos sectores do mar e do turismo».
    • Rocío Cochón denuncia «O paripé dun alcalde que busca salvar a súa imaxe temporalmente a costa de prexudicar para sempre a imaxe do concello e a economía de miles de familias de Poio» e recorda que o único que bloquea a depuradora é o goberno de Luciano Sobral.

     

    Poio, 9 de maio de 2018.- A voceira do PP para Urbanismo, Rocío Cochón, denunciou esta mañá a negativa do Bipartito a amosar o informe oficial sobre a retirada da Bandeira Azul da praia de Xiorto da semana pasada e de dar información sobre o expediente aberto por Augas de Galicia contra o concello por vertidos ilegais na praia de Raxó, coñecido esta semana, que podería resultar nunha sanción de 30.000 euros e que provocou danos por valor de 10.000 euros á poboación da parroquia.

    «Como anunciamos a semana pasada, hoxe solicitamos o informe oficial da ADEAC (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor) sobre a denegación da  Bandeira Azul este ano para a praia de Xiorto. A resposta dos representantes do Bipartito foi que a información sobre a perda deste distintivo “xa se lle proporcionara aos medios”, unha explicación «de todo insuficiente», segundo Cochón, xa que «é o noso dereito pero tamén a nosa obriga ter acceso a toda a información relevante en nome dos veciños», apuntou, recordando que «a traxectoria do alcalde e do seu equipo neste asunto non inspira confianza», despois de que o propio Sobral cambiara a versión varias veces en uns poucos días: «Primeiro dixo que non sabía nada, despois que si sabía pero que non entendía, despois que ía reclamar, logo que xa non reclamaba»...

    Cochón denunciou ademais que o Bipartito tamén respondeu con evasivas ás preguntas sobre o expediente sancionador aberto por augas de Galicia contra o propio Concello por un vertido non autorizado en Raxó, que acarrea unha multa de 30.000 euros: «Primeiro fixeron como que non sabían nada, e despois dixeron que “non era unha cousa que afectase a Poio” e finalmente déronnos largas de que xa nos darán máis información», explicou Cochón.

    A concelleira popular anunciou que o seu grupo «seguirá esixindo toda a información que o alcalde quere agochar para tapar os seus case 25 anos de irresponsabilidade ao non proporcionar unha ubicación para a depuradora».

    Cochón denunciou en particular a estratexia de Luciano Sobral de gañar tempo a costa de prexudicar a bateeiros, mariscadores, hostaleiros, empresarios e os sectores do mar e do turismo, con repetidos anuncios de accións legais e outras tácticas dilatorias «co único obxectivo de chegar ás eleccións ocultando que non fixeron nada».

    «É todo un paripé dun alcalde que busca salvar a súa imaxe temporalmente a costa de prexudicar para sempre a imaxe do concello e a economía de miles de familias de Poio», indicou Cochón, que recordou os efectos nocivos que a negativa de Sobral provocando en varios sectores, e que se agravan cada ano: «Restricións e peches de polígonos de bateas e de marisqueo, logo peches de praias e recomendación de non bañarse, retiran unha bandeira azul, agora multas ao concello por vertidos ilegais en praias»... continuas “malas noticias” que Cochón cualificou de «un escándalo tras outro, resultado dos enganos e da política de agochar a cabeza deste goberno».

    Cochón circunscribiu a esta estratexia o anuncio por parte do Bipartito de exercer unhas pretendidas accións legais contra a Xunta para desbloquear a Depuradora, e recordou a Sobral que «A Xunta é a que quere facer a depuradora e ten dispoñibles os cartos para facer a depuradora. A maneira de desbloquear a construción da Depuradora é que Sobral dea unha ubicación. Os únicos que bloquean a depuradora son o BNG e o PSOE de Poio».

    Para Cochón, os repetidos anuncios de anuncios de accións legais son «un paripé para poder chegar ás eleccións ocultando que non fixeron nada durante 25 anos», e ironizou que «se pensaban que a maneira de facer a depuradora era presentar unha denuncia, por que non o fixeron nestes 25 anos en vez de anuncialo agora por décima vez?»

    Para Cochón, o único fin destes anuncios de pretendidas accións legais é que «cando se acerquen as eleccións  e os veciños, os bateeiros, os mariscadores ou os hostaleiros lle reprochen que levan 25 anos prexudicando á economía, Sobral dirá: “vou poñer unha denuncia no xulgado e estamos esperando”».

    Cochón lamentou que o alcalde intente gañar tempo con este tipo de tácticas de cara as eleccións, que pretenden “salvar algún voto a costa de prexudicar as familias de Poio», unha demostración de que «lle importa salvar a súa imaxe que solucionar os problemas da xente».