Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP de Poio traslada o agradecemento dos creadores do Bosque de Colón a veciños, medios, institucións e a todos os que contribuiron a conmemorar o XXV Aniversario

    • O profesor McElroy, principal impulsor da plantación das secuoias do Monte Castrove, volve aos Estados Unidos xunto aos Columbus Kids, «cheo de gratitude e con Poio no corazón».
    • Ángel Moldes agradece o esforzo feito polos estadounidenses así como a colaboración de institucións, empresas, medios de comunicación e especialmente da xente de Poio por facer posible «unha conmemoración emocionante para unha historia única».
    • O PP recorda que a conmemoración e o seu eco nacional e internacional é froito dun traballo desde hai dous anos e comprométese a seguir poñendo en valor o Bosque de Colón e o resto de tesouros «naturais, turísticos, culturais e  históricos de Poio».

     

    Poio, 16 de abril de 2018.- Unha vez que os integrantes da expedición para celebrar o XXV aniversario do Bosque de Colón xa emprenderon as viaxes de volta aos seus fogares, o PP de Poio quere trasladar o agradecemento dop rofesor John H. McElroy, os “Columbus Kids”, as súas familias e o resto de protagonistas da plantación das 500 secuoias en decembro de 1992 que participaron neste esperado retorno e nos actos desta fin de semana.

    O voceiro do PP de Poio, Ángel Moldes, trasmitiu este mediodía unha mensaxe do profesor McElroy, que asegurou marchar «cheo de gratitude e con Poio no corazón», un sentimento compartido por outros membros da expedición, incluidos os estudantes que hai 25 anos plantaron eles mesmos xunto a outros rapaces de Poio árbores que superan os 10 metros de alto, e que propiciaron multitude de reencontros ata este mesmo domingo.

    Así, varios dos “Columbus Kids” reencontráronse coas familias que os acolleron en 1992 nas súas casas, así como os escolares poienses xunto aos que crearon a maior arboreda de secuoia vermella californiana de Europa con medio millar de exemplares agasallados a España polo pobo de Estados Unidos dentro das celebracións do V Centenario do Descubrimento de América, por iniciativa de McElroy, profesor –hoxe retirado- da Universidade de Arizona.

    A celebración propiciou ademais a reunión doutros protagonistas daquela iniciativa, como os responsables da Comunidade de Montes de San Xoán –que cedeu a parcela na que se sitúa o Bosque-, enxeñeiros e traballadores forestais que fixeron posible a plantación, os responsables en España e EEUU do actos do V Centenario, artistas, funcionarios e cidadáns que participaron nas plantacións hai un cuarto de século e moitos outros. Tamén en Baiona, onde a comitiva foi recibida polos responsables municipais e outros colaboradores nunha plantación similar pero máis reducida, de varios exemplares de sequoia, que seguen a medrar no recinto dun Centro de Ensino e en terreo comunal.

    O voceiro do PP de Poio e principal impulsor da celebración dos 25 anos do Bosque e da visita deste fin de semana, Ángel Moldes, transmitiu as mensaxes de agradecemento por parte dos integrantes da expedición, que dedicaron palabras «moi emocionadas de recoñecemento aos veciños de Poio que coidaron e mantiveron o Bosque estes 25 anos e que fixeron posible esta celebración». 

    Moldes recordou que a visita da expedición estadounidense é froito dun traballo que comezou hai case dous anos, cando o PP comezou a poñer en valor a historia das secuoias do Monte Castrove e presentou unha moción para a designación de 2017 como “Ano do Bosque de Colón”, e distintas iniciativas para dar a coñecer e salientar os valores deste lugar único. Paralelamente, os populares fixeron esforzos para contactar co artífice do Bosque e documentar a expedición orixinal. Foi durante estes contactos, nos que o profesor McElroy e os estudantes que o acompañaban en 1992 proporcionaron gran cantidade de documentos de moito valor, que xurdiu a idea de visitar de novo as árbores que eles plantaran en homenaxe ao navegante de Portosanto.

    De inmediato varios dos “Columbus Kids” e outros protagonistas da creación do Bosque sumáronse á iniciativa, que reuniu en Poio á xente que fixo posible establecer un monumento natural único e aos seus colaboradores a ambos lados do Atlántico. A expedición foi recibida no Parlamento de Galicia, e os seus membros coñeceron varios lugares nas distintas parroquias de Poio e na súa contorna, participaron en distintos actos e encontros, desfrutaron da gastronomía e a cultura locais, intercambiaron documentación e experiencias sobre a súa peripecia, visitaron o Bosque e foron homenaxeados «coa axuda inestimable de institucións, empresas de Poio e veciños particulares», recordou Ángel Moldes.

    Moldes fixo mención ao esforzo económico e humano que realizaron os membros da expedición americana para vir a Poio, e recordou que ademais dese esforzo e da información que aportaron nos últimos meses, trouxeron persoalmente documentación e agasallos, e subliñou que mesmo integrantes da expedición de 1992 que non poideron vir este ano por problemas de saúde ou de axenda «enviaron agasallos e mesmo fixeron unha aportación económica ao Museo de Colón de Poio».

    Moldes quixo agradecer, no nome dos membros da expedición e no do PP «a colaboración de institucións como a Xunta, o Parlamento de Galicia, o concello de Poio e o de Baiona para homenaxear a quen deu tanto a Poio» e especialmente deu «moitas grazas a traballadores dos concellos de Baiona e Poio, das institucións autonómicas, á Comunidade de Montes, así como empresarios locais e á multitude de medios de comunicación que se involucraron e colaboraron para celebrar a fermosa historia do Bosque e os vínculos que creou».

    Moldes agradeceu o eco que recibiu esta visita na prensa de Pontevedra, galega, e de toda España, pero tamén por parte de institucións nacionais e internacionais, que fixeron que este aniversario atravesase fronteras e servise incluso para seguir reivindicando a figura do Colón de Poio, «que supón un orgullo e ofrece grandes oportunidades para o noso concello»

    Moldes comprometeuse a que o PP dirixido por él seguirá traballando por poñer en valor o Bosque de Colón, o Monte Castrove, e todos os demais tesouros naturais, turísticos, culturais e históricos que posúe Poio e que, igual que as secuoias que seguirán medrando durante séculos «é un legado que temos que seguir coidando, aprezando e facendo crecer».