Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • OS AFECTADOS POLO IBI MANIFESTARANSE PARA ESIXIR MEDIDAS AO CONCELLO

    Nunha asemblea veciñal esta mañá

    • Foi a decisión tomada polos máis de 300 asistentes á asemblea informativa convocada polo PP, na que se fixo un resumo dos últimos meses da problemática do IBI.
    • O local da Comunidade de Montes de San Xoán encheuse para escoitar as explicacións dos populares, que contestaron as preguntas e dúbidas de moitos veciños e as inquedanzas dos afectados, algúns con recibos de milleiros de euros en atrasos.
    • O PP recordou que «o tempo demostrou quen mentía –o concello- e quen dicía a verdade» e lamentou os graves problemas que lles están causando ás familias de Poio ocultación, as mentiras e a cobiza do Bipartito.

     

    Poio, 11 de marzo de 2018.- Os afectados polos atrasos do IBI de Poio consensuaron esta mañá a convocatoria dunha manifestación nas próximas datas na que esixirán ao concello que tome medidas para mitigar «os graves problemas que están a causar» en moitas familias de Poio.

    Na asemblea convocada polo PP, e á que asistiron en torno ás 300 persoas, repasáronse as últimas novidades en relación coa problemática do IBI, que o voceiro do PP Ángel Moldes resumiu en que «o tempo demostrou quen mentiu sempre –o Concello- e quen dicía a verdade -o PP». Moldes recordou que xa en xullo pasado o PP advertiu dos efectos da falta de información e de medidas por parte do Bipartito en relación á regularización catastral, e avisou de que tería un custo enorme para milleiros de familias. Ao longo dos meses de xullo e agosto, o PP informou aos veciños, recabou propostas «e o Concello intentou ocultar todo o máis posible» ata a convocatoria dun pleno extraordinario polos populares. Como explicou Moldes: «Nós solicitamos o pleno para que puidera ir o máximo número de veciños e o alcalde o puxo un martes ás 9 da mañáп». Naquel pleno o PP propuxo a rebaixa do tipo de IBI e a aplicación de bonificacións, algo ao que os concelleiros de BNG e PSOE se negaron.

    Ese mesmo día, o 4 de agosto, os populares convocaron o que chamaron «pleno dos veciños», unha manifestación multitudinaria que pediu a rebaixa do IBI e a aplicación de medidas para amortiguar o que hoxe xa é unha realidade en moitos fogares de Poio ante a pasividade do Bipartito.

    Moldes recordou que naquel momento o PP dixo aos afectados que en canto houbese novidades as comunicaría a todos os veciños, e recalcou que o paso do tempo «foi demostrando que todo o que dicía o PP era verdade», como a chegada dos elevados atrasos a miles de familias ou os ingresos de, como mínimo, catro millóns de euros que recadará integramente o Concello de Poio en 2018 en concepto de IBI. Moldes recordou ademais que estas cantidades se verán aumentadas por todos os afectados que presentaron alegacións e aínda non están contabilizados.

    Moldes volveu denunciar que o Concello de Poio non fixo nada por evitar este problema, pese a que moitos outros concellos de distintas cores políticas tomaron medidas para que os veciños non pagasen atrasos e non se visen afectados, medidas que BNG e PSOE de Poio non quixeron asumir. O Bipartito tamén rexeitou aplicar as bonificacións ou a baixada do tipo de gravame que propuxo o PP, e «dedicouse a botar balóns fóra, a mentir aos veciños e a planificar a “operación chapapote” que montarán con estes catro millóns».

    Moldes recordou que os veciños están recibindo agora cartas conminándolles a pagar elevadas cantidades –nalgún caso varios miles de euros- antes do 20 de marzo, e explicou que, ademais diso, os afectados van ter que facer fronte a máis pagos próximamente, e puxo un exemplo: «Un veciño que pagase un recibo medio de 500 euros e agora lle veñan atrasos de 400€ euros por cada ano vai ter que pagar 1.600 euros agora e outros 900 en agosto. 2.500 euros en apenas uns poucos meses. E todo é integramente para o concello. Iso é inasumible para a maioría das familias».

    Moldes cedeu á palabra a varios veciños que confirmaron a chegada de cartas con importes moi elevados e a súa incapacidade para facerlles fronte. Os veciños tamén explicaron que na propia oficina do ORAL a explicación que reciben é que todo o diñeiro procedente dos atrasos vai integramente para o concello, e describiron como varias familias acuden despois de recibir a carta desconsolados ao non saber como poderán pagar, e ademais foron informados de que se aprazan ou fraccionan o pago, se lles cobrarán intereses.

    Varios veciños espuxeron o seu caso particular e relataron como recibiron cartas por distintos importes, e expresaron as súas inquedanzas sobre o impacto económico destes cobros. Ángel Moldes e os membros do grupo municipal popular presentes tomaron boa nota das peticións dos distintos intervenientes.

    Cara ao final da asemblea, moitos asistentes xa propoñían a comezar a mobilizarse para solicitar ao goberno municipal medidas e solucións para os afectados, e finalmente consensuouse que nas próximas datas se organizará unha manifestación esixindo estas medidas. O PP recolleu o guante e comprometeuse a estudar esta mobilización e a dar forma a todas as propostas dos afectados nunha proposta para intentar amortiguar ao máximo o impacto desta problemática nas familias afectadas e en todos os veciños.