Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Os populares solicitan a elaboración dun novo prego do alumeado

    Tras finalizar as festas do Nadal, a formación que encabeza Jacobo Moreira valora a polémica vivida en Pontevedra nestas datas,

    • Con esta medida buscan evitar a situación bochornosa vivida nas últimas semanas. “Unha cidade como Pontevedra, capital de provincia, non pode contar cun prego propio dunha comisión de festas dunha parroquia”.
    • “Lores non pode agochar a súa mala praxis con denuncias públicas contra a empresa adxudicataria, ten que actuar”.
    • Pleno Municipal. Jacobo Moreira interpelará ao Alcalde en relación coa planta de compostaxe que se ía construír en A Canicouva, tras cumprirse o segundo ano de aluguer dos terreos.

     

    Pontevedra 08, xaneiro, 2018.- Tras finalizar as festas, a formación que encabeza Jacobo Moreira denuncia “a desastrosa imaxe amosada con relación ao alumeado do Nadal nas rúas de Pontevedra”. Así, este luns, o concelleiro popular, César Abal sinalou que “era a nosa responsabilidade non alimentar a polémica que se viviu nestas datas tan sinaladas, pero o sucedido este ano co alumeado de Nadal non pode volver a pasar”.

    Neste sentido, os populares destacan que “o actual problema da iluminación deriva dun prego técnico pobre, máis propio dunha comisión de festas dunha parroquia que dunha capital de provincia que conta con técnicos especialistas á súa disposición”. “O BNG quixo agochar con denuncias públicas contra a empresa adxudicataria a súa mala praxis e escaso interese na nosa iluminación”, manifestou César Abal.

    De feito, os populares desvelaron hoxe que “o Goberno de Lores xa deu instrucións de sacar de novo a concurso este contrato sen corrixir as deficiencias do actual prego”. “Probablemente a empresa non se comportou como debería, pero cos pregos actuais pode darse de novo este problema”, sinalou o edil popular, quen considera que ante esta situación sería preciso a redacción dun novo prego acorde á nosa realidade. “Un novo prego que defina o que se quere e onde se quere instalar, ademais de permitir aos técnicos municipais acceder ao catálogo de elementos iluminativos e de decoración da empresa adxudicataria con tempo suficiente”, puntualizou.

    Para os populares, “non é tanto un problema de cartos, senón de vontade, de querer facer as cousas ben”. “O Goberno local ten que anticiparse, saber os elementos decorativos que se quere instalar e o lugar para despois axustarse ao orzamento oportuno”, apuntou Abal quen entende que “nun prego serio non pode figurar un texto tan ambiguo como ‘un cono de iluminación navideña no centro da praza’ porque logo pasa o que pasa. Unha situación bochornosa que dana a imaxe da nosa cidade”. 

    César Abal, tras consultar con diferentes técnicos municipais, tamén suliñou a posibilidade de “dar entrada a empresas e comercios locais para participar conxuntamente e así poñer en valor a nosa cidade e chegar ao maior número de rúas e barrios”.

    Pleno Municipal – Interpelación sobre Planta de Compostaxe.

    Tras cumprirse o segundo ano de aluguer dos terreos en A Canicouva nos que se ía construír a planta de compostaxe, o portavoz dos populares, Jacobo Moreira anunciou hoxe que interpelará ao Alcalde de Pontevedra neste sentido.

    “Queremos coñecer se o Goberno do BNG ten avanzado algo neste sentido que permita xustificar o pago de xa 50.000 euros polo aluguer duns terreos que non se están a utilizar”, destacou, “do contrario Lores debería explicar aos veciños de Pontevedra as razóns polas que está a tirar con estes cartos en lugar de empregalos noutras cuestións que si son prioridade dos pontevedreses”, sentenciou.