Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Para o PP, a perda da subvención de 1,5 millóns de euros da Deputación é o último dos despropósitos polos que o Bipartito é o peor goberno da historia de Poio

    • A perda da subvención provincial para proxectos singulares por incumprir as bases únese ás irregularidades na parcela de Anafáns ou a falta de ubicación da depuradora.
    • Para a concelleira Rocío Cochón demóstrase que as escusas de que outros “bloquean Poio” son mentira: A realidade é que as chapuzas e a ineficacia están «no ADN do Bipartito».

     

    Poio, 16 de novembro de 2017. O PP reprochou hoxe ao Bipartito a perda da subvención da Deputación de ata un millón e medio de euros para proxectos singulares por incumprir as bases da convocatoria e indicou que estamos ante un equipo de goberno «que non sabe nin pedir nin xestionar».

    A concelleira Rocío Cochón recordou que esta oportunidade perdida únese á frustrada ampliación de Anafáns para a que o Bipartito ofreceu unha parcela sen a suficiente edificabilidade ou á partida de case 7 millóns de euros para unha depuradora «que está esperando que o alcalde de Poio tome unha decisión sobre a ubicación», entre outras.

    Cochón recordou tamén a decisión da Xunta de levar a cabo as expropiacións para as sendas na PO-308 «despois de anos de mentiras do goberno de Sobral», e tantos outros investimentos perdidos pola incapacidade do goberno local de Poio: «Un erro pode telo calquera, pero as chapuzas e a ineficacia están no ADN do Bipartito».

    «Demostran polos seus propios méritos que non son capaces de facer avanzar Poio», explicou Cochón, que indicou que as excusas de que outras administracións “bloquean a Poio” son falsas: «A Xunta e o Estado seguen investindo en Poio e os proxectos que non dependen do concello van para adiante».

    Cochón indicou tamén que en concellos onde gobernan PSOE ou BNG, cando presentan os proxectos correctamente, a Xunta ou o Estado tamén financian investimentos neses municipios, polo que «escusarse en que as administracións do PP “boicotean Poio” é ridículo, e máis aínda cando os seus propios compañeiros na Deputación tamén lles denegan unha subvención por presentar o proxecto mal».

    Cochón recordou que a tenente de alcalde de Poio é integrante do propio goberno da Deputación, e ironizou: «Con que cara van dicir agora que outras administracións lles negan proxectos pola cor política, se un goberno no que están eles mesmos negoulles unha axuda por ler mal as bases?»

    Ademais, a popular advertiu ao Bipartito que non utilizasen a mesma estratexia que co centro de Saúde, intentando tapar fallos garrafais con xogos políticos: «O que non vale agora é tomar aos veciños por parvos. Despois de perder un millón e medio de euros non poden vir e dicir “a ver se nos fan as beirarrúas de Campelo”». Cochón recordou que o proxecto das beirarrúas de Campelo xa era un proxecto comprometido pola anterior Deputación e paralizado pola incapacidade de Sobral e Besada de aportar os terreos nin de tomar «as decisións mínimas que ten que tomar un goberno».

    «Uns xestores competentes xa terían en marcha desde hai anos as beirarrúas de Campelo e agora ademáis terían un millón e medio de euros para un pavillón, unha piscina ou o que os veciños considerasen conveniente», explicou. 

    «O que está claro é que a desculpa política Bipartito en vez de traer desenvolvemento trae atraso e dá unha imaxe lamentable, perdendo proxectos por presentar terreos inadecuados, documentación errónea, ou leer mal as bases», rematou: «Cada vez as desculpas de mal pagador do goberno local teñen menos recorrido: os veciños xa ven que este Bipartito é  peor goberno da historia de Poio».