BOLETÍN PROVINCIAL

Compartir en Facebook

 

O PP de Pontevedra cuestiona o bo entendemento do Bipartito da Deputación

 

Os voceiros provinciais do PP de Pontevedra, Nidia Arévalo e Ángel Moldes, poñen en dúbida o bo entendemento do bipartito da Deputación de Pontevedra tralo aviso do responsable de Organización do BNG, Bieito Lobeira, de revisar o pacto das deputacións de Pontevedra e A Coruña e as présas dos máximos responsables do goberno provincial, Carmela Silva e César Mosquera en desmentir unha crise interna.

 

Os populares consideran que Mosquera debería aclarar por qué Bieito Lobeira ameaza con revisar o pacto de goberno se esta crise non existise. Que queren dicir entón que o señor Lobeira toleou, que descoñece os acordos do seu partido ou que no BNG non manda ninguén?

 

Nesta liña, Arévalo sinala que se a crise fose puntual na Deputación de Lugo e non houbera ningún tipo de problema na de Pontevedra o responsable de organización do BNG non falaría nunca de revisión.

 

“É normal que a señora Silva e o señor Mosquera se apuren en asegurar que a relación é extraordinaria, pero todos sabemos que un bipartito que funciona con gabinetes independentes e que levan meses xogando ao gato e o rato moi ben non pode estar funcionando”, sinala Arévalo.

 

Nin a relación é tan boa de portas cara dentro, nin o BNG está tan cómodo como agora se apuran en dicir, cando todos sabemos que teñen a Abel Caballero supervisando cada unha das decisións que se toman en Pontevedra.

 

Cada día recordan máis ao bipartito da Xunta, entre o señor Touriño e o señor Quintana, pero a diferenza deles, os socialistas da Deputación fanlle unha marcaxe de cerca aos deputados nacionalistas. Quizais para evitar desconfianzas ou máis ben para tratar de facer ver que o partido que o controla todo é o PSOE.

 

Os deputados do PP recordan ademais as propias palabras de César Mosquera con respecto á mala relación co voceiro do PSOE local, Agustín Fernández, nas que o vicepresidente da Deputación sinalaba que “non había garantías de que esas causas externas puidense provocar problemas no acordo da Deputación”.

 

REDUCIÓN DE COMPETENCIAS AOS DEPUTADOS NACIONALISTAS

Cabe recordar ademais que desde a formalización do pacto provincial entre PSOE e BNG e desde a súa constitución e reparto de centros e áreas de servizo houbo xa dúas modificacións, a primeira apenas un mes despois na que limitaba o gasto dos deputados en materia de subvencións e gastos ata 6.000 euros máximo IVE incluído e todo o demais sería competencia da propia presidenta e outra modificación do 25 de abril deste ano no que volven a facer unha redistribución das competencias.

 

Chama a atención que nesta segunda redistribución non só se lle dan competencias ao deputado socialista Juan Antonio González Pérez, que ata este momento non as tiña, senón que ademais se lle restan a deputados do BNG as áreas de Benestar e de Medio e Desenvolvemento, que ata ese momento lle correspondían a Eva Villaverde e César Mosquera e agora as teñen deputados socialistas.

 

Neste sentido, Nidia Arévalo considera que esta redución de competencias aos deputados nacionalistas en favor dos do PSOE non é casualidade nin síntoma de un goberno en boa sintonía cando nin sequera pasou un ano da primeira redistribución.

 

Aínda non se cumpriu un ano de goberno, as primeiras descofianzas xa apareceron por moito que se empeñen en negalas e veremos como acaban, porque a auga e o aceite nunca se levaron ben, conclúe Arévalo.