BOLETÍN PROVINCIAL

Compartir en Facebook

 

Alfonso Rueda: “os cidadáns deixaron claro que apostan polo PP e que non queren nin experimentos nin aventuras”

 

 

“A victoria do PP na provincia é incontestable, recibimos o apoio maioritario dos cidadáns, que demostran que non queren aventuras nin experimentos e que apostan de forma contundente polo proxecto e a estabilidade que ofrece o noso partido”, valorou o presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, tras coñecer os resultados electorais do 26 de xuño, momento no que aproveitou para amosar o seu agradecemento “aos milleiros de militantes que nos apoiaron durante toda a campaña, porque eles son os responsables directos deste magnífico resultado”.

 

O PP foi a forza máis votada na provincia, cun 38,30% dos votos, e mantivo os tres deputados e senadores por Pontevedra. Foi o único partido que aumentou tanto en porcentaxe como en número de votos, con 9.531 votos máis que nas xerais de decembro. “O partido experimentou unha melloría en todos os concellos, cunha media de 4 puntos”, explicou Rueda, que destacou que o PP gañou as eleccións en 58 dos 62 concellos da provincia, incluídas as tres cidades e concellos tan significativos como Vigo, Redondela ou Moaña, nos que o 20D En Marea-Podemos fora a forza máis votada e agora o PP obtivo os apoios da maioría dos votantes.

 

“Durante a campaña xa dicía que era un luxo e un privilexio contar con Ana Pastor para encabezar a nosa candidatura, e os resultados confirman que o pensaba moita máis xente”, destacou o presidente dos populares.

 

Agora, dixo, o reto inmediato que o PP ten por diante son as eleccións autonómicas. “Aínda hai moito que traballar, non hai nada seguro, pero estamos no bo camiño para revalidar a maioría de Alberto Núñez Feijoo e do Partido Popular”, destacou.

 

Mentres o Partido Popular aumentou o número e porcentaxe de votos, En Marea, como segunda forza da provincia, baixa 23.678 e o PSOE perde 978 votos. Con estes resultados, auméntase a diferenza con respecto á segunda forza, de xeito que se en decembro o PP superaba á formación morada en 6,50 puntos, agora a distancia increméntase a 13.

 

Tamén a candidata, Ana Pastor, amosou a súa satisfacción cos resultados. “Somos o partido máis votado en toda España subimos de maneira importante en número de escanos, pero tamén en votos e porcentaxes, igual que na provincia, onde practicamente todo o mapa é azul”, comentou.

 

Entende que os cidadáns “apostaron pola estabilidade, polo sentido común e polo que é mellor para España, que é seguir crecendo, seguir xerando emprego e seguir tendo oportunidades para todos os españois”.

 

45% DO VOTO CERA

Tamén tiveron agradecemento para os pontevedreses residentes no exterior, dos que case un 45% votaron ao Partido Popuolar. Dos 4.906 votantes, 2.190 votos foron para o PP, que se situou así a 1.063 votos da segunda forza, En Marea, mentres que o PSOE é tamén para eles a terceira forza, pois recibiu un total de 800 votos. En Marea, 1.127 votos, Ciudadanos, 397, e o BNG; 111.

 

Co voto CERA, o total de votos para o Partido Popular na provincia foron 208.921.